CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Xornada de educación ambiental para escolares na Reserva Fluvial do Río Troncoso en Padrenda

Nesta actividade, organizada pola CHMS, participaban 27 alumnos e 4 profesores do CPI Padrenda- Crespos

 

Os escolares do CPI Padrenda- Crespos desfrutaban o venres dunha xornada de Educación Ambiental na Reserva Natural Fluvial do Río Troncoso en Padrenda (Ourense), organizada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS).

Tras as presentacións iniciais e a entrega de material (mochila, caderno de campo, gorro e botella de auga reutilizable), os 27 alumnos e 4 profesores encamiñáronse ao momento de encontro previsto no lugar de Pontebarxas. O percorrido fíxose pola marxe dereita do río Troncoso e facíanse varias paradas naquelas zonas con presenza de Especies Exóticas Invasoras ( EEI) ( Arundo donax, Acacia dealbata, Robinia pseudoacacia, Phyllostachys spp., Eucalyptus globulus e Tradescantia fluminensis), onde os educadores ambientais explicaron a problemática destas EEI e os traballos de control-eliminación que a CHMS está a realizar na RNF de río Troncoso.

Tras unha camiñada de 2,5 km comezaron as actividades e talleres nunha zona onde gozaron dun frondoso bosque de ribeira autóctono ben estruturado. Empezáase cunha breve charla didáctica introdutoria sobre as RNF, ademais doutros conceptos básicos como a cantidade de auga do Planeta e da definición de río, e distintos xogos participativos.

Un dos talleres consistiu nunha mesa de traballo de macroinvertebrados e análise fisicoquímicos, onde os asistentes puideron comprobar a biodiversidade de larvas de insectos e as súas particularidades como bioindicadores do estado ecolóxico do río, así como realizar diferentes medidas de pH, temperatura ou osíxeno disolto na auga.

 

 

Noutro dos talleres aprenderon a diferenciar as diferentes especies arbóreas e arbustivas da RNF, a través dun xogo de recoñecemento de tipos de follas. Ademais, incidiuse na importancia da vexetación de ribeira, as súas funcións e o seu bo funcionamento como protector da calidade da auga do río.

A xornada concluíu, despois da comida, cun xogo de recoñecemento táctil de especies asociadas ao río, entre as que se atopaba un intruso ou especie non existente nun ecosistema fluvial, e que os participantes deberon de recoñecer.

Esta actividade forma parte da programación de Educación Ambiental nas RNFs, que promove o MITERD, a través da CHMS, para dar a coñecer e resaltar o valor destas figuras de protección, fundamentais para preservar os tramos de ríos que se conservan moi naturais, entendendo que a declaración como RNF contribúe á conservación e mellora do estado ecolóxico do leito.

 

Artigos relacionados

Back to top button