Cunha ronda de máis de tres horas pola parroquia comezaba na tarde do Domingo Gordo a Fuliada de San Martiño (Manzaneda). O folión, precedido polas danzas Mázcaras partía arredor das tres da tarde dende Cimadevila e remataba rozando as oito da noite o traxecto na Corredoira, xunto á nave da Cooperativa Amarelante.
Deseguido, cesaba o intenso toque de bombos, cornas e sachos para dar paso a un singular teatro en verso cun marcado tono satírico, no que non faltaban as disputas de namorados, as parodias de todo tipo e tampouco as versión de cancións en clave de humor.
Esta Fuliada foi organizada polo Fulión de Pombariños en colaboración co Concello de Manzaneda e con Amarelante S.C.G. Durante o percorrido tamén se contaba co apoio de Protección Civil de Manzaneda.
Fotos: Ángeles Rodríguez