EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

A alcaldesa de Carballeda de Valdeorras: “Sempre estarei do lado dos traballadores e posibilitando que haxa empresas”

María Carmen González sinala que o posible desaloxo de 3 empresas da lousa dos terreos que ocupan aféctalle a "300 familias"

A alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Sobre o posible desaloxo de tres empresas do sector da lousa (Irosa, Samaca e a antiga Pizarras Trevinca) dos terreos que ocupan tamén se ten manifestado a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, quen amosa o seu respaldo a empresarios e traballadores, lembrando ademais que a maior parte deles residen noutros municipios como O Barco, A Rúa e mesmo Puente de Domingo Flórez.

“Esta situación aféctalle a 300 familias, como non nos vai importar, somos humanos. E iso por unha avaricia, un sen sentido. Isto preocupoume moito e preocúpame, aínda que o estado de dereito e a administración e a unión, sobre todo, a unión dos traballadores, do Concello e das asociacións que falaron apoiándonos, danos moita forza. Nese senso, eu sei que a razón sempre ten que vencer, non están os tempos para xogar co pan da xente. A alcaldesa de Carballeda sempre estará do lado dos traballadores e posibilitando que haxa empresas. Hai moitas, e ogallá que houbera moitas máis en Carballeda, para que puideramos dar traballo aínda a máis xente”, sinala a rexedora.

Sobre a posibilidade de que a situación se resolva chegando a un acordo a alcaldesa veo complicado. “Vai ser complexo, a empresa leva moitos anos intentando chegar a un acordo coa comunidade de montes e non foi posible”. E nese senso, a alcaldesa destaca que “hai armas administrativas no estado de dereito para solucionar esta situación”.

Máis información:

https://osil.info/o-cluster-da-pizarra-e-aeva-lamentan-o-posible-desaloxo-de-3-empresas-da-lousa/

https://osil.info/a-comunidade-de-montes-de-portela-e-trigal-di-que-se-viu-na-obriga-de-reclamar-os-seus-dereitos-ante-os-tribunais/

https://osil.info/a-cig-asegura-que-imos-pelexar-pola-defensa-dos-300-empregos-nas-empresas-irosa-e-samaca/

Artigos relacionados

Back to top button