
Dende a parte sindical tamén se amosan firmes con respecto á problemática que pode abocar ao posible peche de tres empresas de lousa no municipio de Carballeda de Valdeorras. “Aquí hai un conflito xurídico entre dúas partes, que é unha comunidade de montes e un grupo de empresas que, neste caso, é Irosa e Samaca. Nós non somos quen de decidir sobre a posición xurídica de cada un, aí terá que haber unha negociación entre a empresa e a comunidade de montes, terá que haber un prezo xusto, ou que sexa, agora nós o que non imos consentir é que 300 postos de traballo desaparezan soamente por unha cuestión de pleitos, que unicamente valoran canto vale cada hectárea anualmente de ocupación. E falamos dunha ocupación que non é de extracción, senón dunhas parcelas de edificación de naves. Por iso, por moi xusto que poida ser o conflito entre as partes, pensamos que é absolutamente inasumible que 300 familias queden abocadas ao paro e incluso á pobreza”, asegura Anxo Pérez Carballo, responsable de CIG Ourense.
Así mesmo, Pérez Carballo di que, “igual que no seu momento nos mostramos firmes sobre o convenio colectivo da lousa, ímonos mostrar firmes agora defendendo os postos de traballo nas empresas de Irosa e Samaca”. Ademais anuncia que nos próximos días, “manteremos contactos con traballadores e veciños, pero adiantamos que imos pelexar polo mantemento dos postos de traballo”.
Máis información:
https://osil.info/o-cluster-da-pizarra-e-aeva-lamentan-o-posible-desaloxo-de-3-empresas-da-lousa/