SanidadeÚltima hora

A Área Sanitaria ourensá contará cun orzamento de máis de 600 millóns de euros no 2024

Supón unha subida do 6,3% con respecto a 2023, do que case a metade, destínase a persoal, o maior valor da sanidade pública, que aumenta ata un 8%, segundo Sanidade

Entrada do Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Xunta de Galicia destina a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras un orzamento de 601.770.063 euros, “superando así por vez primeira a barreira dos 600 millóns de euros, cunha subida do 6,3% con respecto a 2023, do que case a metade, destínase a persoal, o maior valor da sanidade pública, que aumenta ata un 8%. O investimento na contratación dos preto de 6.000 profesionais dos tres hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras e do centenar de centros de atención primaria chega este ano aos 300.734.807 euros, cun incremento histórico de case o 8%, fronte ao 5% de 2023, e 22 millóns de euros máis”, tal e como se destaca dende a Consellería de Sanidade.

En paralelo ao coidado do persoal, o ano 2024 continuará a ser o dos grandes investimentos para afrontar os grandes retos xa en marcha, segundo Sanidade. Con ata 29.3 millóns de euros consignados ás obras do Plan Director do Hospital de Universitario de Ourense (10M máis que este ano) deles 23,1 para continuar as obras do novo edificio de hospitalización materno-infantil e da nova unidade de Medicina Nuclear.

Tamén no hospital de referencia de área investirase 1,9 millóns para rematar a reforma da unidade de coidados intensivos, unha vez rematada xa a súa primeira fase. Xunto a elo destinaranse 4,3 millóns para a obra de reforma das áreas de cardioloxía intervencionista (hemodinámica) e radioloxía vascular intervencionista, que permitirán habilitar as instalacións definitivas aos novos equipos xa instalados en localizacións provisionais.

 

Fachada do Hospital de Verín./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

As obras non se limitan a Ourense, xa que os orzamentos recollen 1.4M para rematar as de ampliación e mellora dos de Verín e Valdeorras. En concreto 980.673 euros para a rematar a a obra e equipamento do novo edificio de urxencias e PAC do Hospital Público de Verín, xa moi avanzadas. Igualmente destínanse 436.646 tamén ao de Valdeorras para concluír as obras de reforma das consultas externas, toda vez que ao longo deste ano 2023 puxéronse en marcha as novas áreas do Farmacia, Hospital de Día e, en breve, as de Cirurxía Maior Ambulatoria, xa rematadas.

Nos tres hospitais continuará desenvolvéndose este ano un proxecto pioneiro a nivel europeo: Life Resystal, que permitirá poñer en marcha cun orzamento de 350.000 € actuacións innovadoras que permitirán testar a resistencia e adaptación dos materiais fronte ao cambio climático.

 

Hospital Público de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Pulo a Atención Primaria

A Xunta destina a Atención Primaria máis de 202 millóns de euros cun incremento sostido en todos os capítulos orzamentarios. Os centros de saúde da provincia tamén afrontarán grandes retos en canto a obras. Entre eles o novo “Centro Integral de Saúde de Ourense”, ao que este ano destínase 1 millón de euros para licitar a obra de construción do novo Centro Integral de Saúde de Ourense, previa a demolición do actual centro de saúde Nóvoa Santos. Aínda que o proxecto xa foi adxudicado no 2022, os problemas urbanísticos obrigan a iniciar uns novos trámites de autorización que adían a licitación.

Igualmente dentro das partidas de 7,18 millóns de Plan de Atención Primaria e de 14 millóns € de Plan de Atención Primaria FEDER 21-27 para construción de centros de saúde están reservados 1,2 millóns de € para o inicio da obra do novo Centro de Saúde de A Rúa, cuxo proxecto está xa adxudicado.

Nesta liña os orzamentos de 2024 reservan preto de dous millóns de euros para a construción dos novos centros de saúde de Boborás (700.000 €) Muíños (700.000 €) ambos con proxectos elaborados e aprobados este ano. Ademais, 2024 será tamén o ano do desexado centro do Carballiño, con 300.000 € reservados para licitar o proxecto do novo, unha vez asinado o convenio co concello para edificalo nunha parcela xa propiedade da Xunta. A espera da achega dunha parcela axeitada polos respectivos concellos a Xunta reserva tamén 200.000 € para licitar os proxectos contemplados no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria.

A Xunta de Galicia mantén a súa aposta pola mellora e capacidade resolutiva da Atención Primaria con 10.7 millóns destinados a novos equipamentos para os centros de saúde no marco do Plan de Acción de Atención Primaria. En concreto 9 bisturís eléctricos para cirurxía maior ambulatoria, 16 retinógrafos, 28 ecógrafos, 60 desfibriladores, 60 sistemas de monitorización ambulatoria da presión arterial, 110 dispositivos multidiagnóstico de monitorización automatizada de constantes vitais, 42 analizadores sanguíneos portátiles para a realización de probas de detección rápida e máis de 250 padiolas de exploración e de transporte.

Atención socio-sanitaria

O proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia inclúe máis de 11,6 millóns de euros dentro das contas do Servizo Galego de Saúde para transferencias a entidades de atención socio-sanitaria, de saúde mental e de atención ás adicións.

Parte destes fondos destínanse a entidades de eido autonómico ou para convocatorias de axudas de carácter competitivo, pero tamén hai consignadas partidas específicas para convenios nominativos con entidades de eido local, como no caso desta Área Sanitaria a asociación beneficiaria destes fondos é a Asociación de Ex Alcohólicos As Burgas de Ourense, con 221.529 euros, e que presta servizo na unidade de conductas adictivas.

Artigos relacionados

Back to top button