SanidadeÚltima hora

A atención comunitaria consolídase na programación habitual dos centros de saúde da provincia

Neste mes de novembro desenvolveranse 44 talleres só das Unidades de Apoio Nutricional, entre elas na do Barco

 

A Atención Comunitaria da un paso adiante desde este mes, consolidándose na programación habitual dos Centros de Saúde de Ourense, por medio de distintas liñas de traballo de promoción dos hábitos saudables, de prevención da enfermidade, e de apoio aos colectivos de pacientes, con formación e información para promover o autocoidado.

Mostra do compromiso da Área Sanitaria de Ourense coa Atención Comunitaria, tan só neste mes de novembro están programados 44 obradoiros, por parte das Unidades de Apoio Nutricional, no marco da nova Escola de Hábitos Saudables, á que se engadirán os destinados a colectivos concretos como as novas nais ou embarazadas, pacientes crónicos, ou asociacións de pacientes.

Os talleres xa programados desenvolveranse en horario de mañá ou tarde, en tres tramos horarios, ás 12.00, 16:30 ou 17.30 nos centros de saúde, centros cívicos ou casas do concello, todos de acceso gratuíto e aberto a toda a cidadanía, co único límite do espazo, En concreto nos centro de Saúde de A Carballeira, A Valenzá, O Barco de Valdeorras, Allariz, O Couto, Valle Inclán, Verín e Xinzo de Limia; no Punto de Atención Continuada de Maceda; no Centro Cívico de A Ponte e na Casa do Concello de Bande.

“A sistematización destas iniciativas permitirá a pacientes e profesionais coñecer e programar a súa asistencia aos talleres, ou incluso desenvolver outras de apoio, xa que unha das principais vantaxes é o seu carácter multidisciplinar e colaborativo, que pode implicar, individual ou conxuntamente, a médicos e enfermeiras, matronas, traballadoras sociais, nutricionistas, fisioterapeutas, hixienistas dentais, etc. e non menos importante a profesionais en formación (MIR, EIR) onde a experiencia é especialmente enriquecedora”, tal e como destacan dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.

Un paso importante neste sistema de traballo é a recente aprobación da “Estratexia Galega de Saúde Comunitaria en Atención Primaria 2023-2027”, na que se contempla, por exemplo, o nomeamento dun profesional de referencia para atención comunitaria en cada Servizo de Atención Primaria, é dun responsable en cada Área Sanitaria, que en Ourense será quen xa viña desempeñando esta labor, Verónica Civeira, supervisora da área de crónicos.

 

 

Hábitos saudables para todos

A nova Escola de Hábitos Saúdables enmarca toda a actividade comunitaria desenvolvida con este fin, entre a que destaca a que ven liderando o persoal das novas Unidades de Apoio Nutricional, formadas por trece profesionais que se incorporaron en xaneiro aos Servizos de Atención Primaria, para incrementar a súa oferta asistencial.

Na programación da Escola para o presente mes de Novembro, centrase en catro temáticas básicas: Prato Saudable e Menú equilibrado; Seguridade Alimentaria, Alimentación Prediabete e Diabete tipo II; e Alimentación Complementaria na Infancia.

Con esta iniciativa a Área Sanitaria de Ourense alinéase nos obxectivos do Plan de Acción para a Prevención do sobrepeso e a Obesidade en Galicia: “Obesidade Zero”, xa que os estilos de vida xogan un papel fundamental na saúde das persoas: A conduta alimentaria saudable e o exercicio, teñen enormes beneficios no benestar e na prevención da enfermidade, coa vantaxe de ser factores modificables. Por elo é clave integralos na aprendizaxe dos nenos e nenas, e do conxunto da poboación, especialmente nass persoas con enfermidades crónicas ou de máis de 65 anos. O altísimo volume de intervencións comunitarias, que en Ourense representa entre o 4 e 5% das consultas atendidas, converten aos profesionais de Ourense en referentes nesta liña de traballo, centrado na saúde comunitaria desde a infancia á vellez.

Coidar aos coidadores

Desde a Área de Ourense, xa se traballa nunha nova programación sistemática anual, destinada ás persoas coidadoras, partindo da realidade social da nosa provincia e das necesidades detectadas na consulta e, moi especialmente, no transcurso da pandemia.

En Ourense hai máis de 3.000 pacientes inmobilizados e dependentes, maioritariamente mulleres cunha media de idade superior os 80 anos. A maioría son coidados principalmente por familiares ou coidadores informais, na súa maioría tamén mulleres, nalgúns casos apoiadas por traballadores de axuda no fogar, dos concellos ou mancomunidades. Ademais, na provincia existen máis de 70 vivendas comunitarias e Residencias socio-sanitarias que non dispoñen de persoal sanitario de apoio.

Así a futura “Escola de persoas coidadoras” nace da idea do centro de saúde como elemento vertebrador, non soamente de coidados senón de formación, poñendo no centro, nesta ocasión, ás persoas coidadoras, encadrando así mesmo dentro da acción comunitaria propia da atención primaria e contando co apoio de unidades como a de saúde mental.

Artigos relacionados

Back to top button