OurenseÚltima hora

A Federación de Anpa’s de Ourense propón unha iniciativa para percorrer a Vía da Prata en familia

Dende o sábado 22 de maio e ata o 9 de outubro, pais e fillos poderán percorrer esta ruta xacobea ata chegar a Compostela, cunhas andainas adaptadas ao público infantil, facendo rutas de non máis de 10 quilómetros

Presentación do programa “Peregrinando pola Vía da Prata-Escolares Camiñando en Familia”.

 

Co principal obxectivo de destacar a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago, fomentando o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño de Santiago entre os máis novos; pero tamén con fins pedagóxicos, nace “Peregrinando pola Vía da Prata-Escolares Camiñando en Familia”.

O proxecto, promovido por FAPA Ourense As Burgas (federación de Anpas que agrupa a máis de 95 entidades da provincia), era presentado na mañá deste martes 18 de maio no Liceo de Ourense, como “unha iniciativa que fará dos sábados da provincia unha andaina aberta ás familias e ás Anpas, na que Turismo de Galicia investiu máis e 16.500 euros”, en palabras do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presente no acto.

Acompañado do Presidente FAPA, José Antonio Álvarez, Alén Castro explicou que desde este sábado 22 de maio e ata o 9 de outubro, pais e fillos poderán percorrer o Camiño da Vía Prata ata chegar a Santiago de Compostela, cunhas andainas adaptadas ao público infantil, facendo rutas de non máis de 10 quilómetros. En cada xornada haberá un monitor-guía para explicar ás familias as características da ruta e os recursos turísticos que irán atopando, como o patrimonio material e inmaterial, con especial atención a bens declarados patrimonio mundial, bens declarados de interese cultural, espazos naturais declarados protexidos, que se atopan ao longo da Vía da Prata.

 

Asistentes á presentación no Liceo de Ourense.

 

O representante do Goberno galego destacou que ao final de cada xornada, na localidade onde remate a ruta, organizarase un pequeno evento no que haberá contacontos e actuacións musicais, xogos populares e obradoiros; con temáticas relacionadas ca igualdade de xénero e o respecto ao medio ambiente. Deste xeito, e para reforzar o vínculo con estas temáticas, cada participante recibirá unha camisola cos lemas: “Crianzas Orgullosas do Camiño de Santiago. Respectando o Medio Ambiente. Camiñando en Igualdade”.

A través de proxectos como este pódese desfrutar dun Ano Xacobeo, que debido ás circunstancias actuais, prolongarase ata o ano 2022, nun contexto único que nos permitirá seguir facendo de Galicia ese destino especial e aberto ao mundo.

Artigos relacionados

Back to top button