ConcellosÚltima horaVilariño de Conso

A Garda Civil toma declaración en calidade de investigados a 2 veciños de Vilariño de Conso como presuntos autores de 2 incendios

En ambos lumes forestais resultaron calcinadas 817 hectáreas, sendo tamén afectado o espazo protexido Rede Natura 2000, segundo a Garda Civil

Publicidade
Imaxe do incendio do pasado mes de setembro en Sabuguido (Vilariño de Conso)./ Foto: Carlos G. Hervella.

O Servizo de Protección da Natureza da Comandancia da Garda Civil de Ourense, no marco da Operación FORESTATE toma declaración en calidade de investigados a dous veciños de Vilariño de Conso (Ourense), como presuntos autores de dous incendios forestais. As investigacións comezaban meses atrás a raíz do incendio declarado na parroquia se Sabuguido, en Vilariño de Conso, detectado sobre as 02.22 horas do día 13 de Setembro de 2020, que calcinou unha superficie de considerable importancia, concretamente un total de 817,29 hectáreas e afectou a espazo protexido Rede Natura 2000.

Debido ao risco que entrañou para os núcleos urbanos próximos, activouse dende a Xunta de Galicia como medida preventiva a Situación 2, do Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais na Comunidade Autónoma de Galicia (PEIFOGA), situación de emerxencia provocada por un ou varios incendios forestais que, na súa evolución previsible, poidan afectar gravemente á poboación e bens de natureza non forestal, permanecendo activo o incendio durante máis de 5 días, sendo necesario a intervención de numerosos medios de extinción, así como da UME, dándose os traballos finalizados ás 20:19 horas do día 17 de setembro.

“Unha vez iniciada a investigación por axentes do SEPRONA de Ourense estableceuse unha liña de traballo na que todo apunta a que o incendio foi provocado por desavinzas en materia de caza, xa que integrantes da comunidade de montes do pobo de Sabuguido levaran a cabo por motivos económicos a segregación dos seus terreos do Tecor Municipal de Vilariño de Conso xerando malestar entre cazadores da sociedade de caza, ao perder estes os dereitos cinexéticos nos terreos que serían segregados”, tal e como informa a Garda Civil a través de nota de prensa.

Así mesmo, lémbrase que, anteriormente a este lume, o día 07 de Setembro de 2020, declarouse outro incendio forestal na mesma zona, que foi controlado con rapidez polos medios de extinción. Segundo indicou aos investigadores un membro dunha Brigada de extinción, ese incendio foi “un aviso” aos comuneiros de Sabuguido.

“As chamas do incendio do día 13 iniciáronse de madrugada en 4 puntos nunha zona illada e con gran pendente, situados de forma estratéxica para presuntamente mediante a propagación das mesmas queimar os terreos que pretendían ser segregados, aínda que debido á orografía do terreo, a temperatura ambiente, a acción do vento e a escasa humidade propagáronse sen control durante toda a noite, sendo imposible a súa extinción nas primeiras horas con medios terrestres, influíndo todos estes factores na posterior propagación do incendio, extensión afectada e perigo creado para as poboacións.

Como resultado da investigación, levada a cabo durante 8 meses e sendo de resaltar a escasa colaboración da poboación das localidades próximas ao lugar onde se declararon os lumes, procédese tomar declaración en calidade de investigados como presuntos autores de dous delitos de incendio forestal a dous homes de 19 e 33 anos de idade, ambos os veciños de Vilariño de Conso (Ourense)”, segundo informa a Garda Civil.

Durante a investigación participaron Axentes da Sección do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA), EPRONA, Equipo Multidisciplinar de Investigación de Incendios Forestais, Servizo de Seguridade cidadá do Cuartel da Garda Civil de Viana do Bolo e a Patrulla de Protección da Natureza de Viana do Bolo, en colaboración cos Axentes Ambientais do Distrito Forestal XIV Verín – Viana, do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, dependente da Xunta de Galicia.

As dilixencias son entregadas no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 da Pobra de Trives, manténdose a investigación aberta, ante a posibilidade de solicitar novos indicios, non descartándose ata o momento a participación de máis persoas.

Artigos relacionados

Back to top button