ConcellosO BarcoÚltima hora

A mobilidade e seguridade viaria no Barco, especialmente a dos maiores, abordada no pleno

Os concelleiros da oposición, tanto BNG como PP, expoñíalle á alcaldía socialista unha batería de demandas neste senso existentes na vila

Un dos momentos da sesión plenaria deste 13 de xullo no Barco./ Foto: A.R.

 

Moverse por certas zonas do Barco resulta complexo, especialmente para as persoas maiores ou para aquelas con limitacións ou que empurran carriños. Así se evidenciaba nas preguntas e rogos que os concelleiros da oposición, tanto do BNG como do PP, lle dirixían ao alcalde socialista do Barco, Alfredo García, na sesión plenaria de xullo que se celebraba esta tarde.

Comezaba o concelleiro do BNG, Manuel Agra, quen plantexaba, a modo de rogo, varias cuestións. A priemira delas a necesidade de “arranxar as escaleiras que baixan cara o Campiño de Viloira, preto da Ponte de San Fernando, é un lugar polo que transita moita xente e os chanzos están movidos e realmente é un paso perigoso”. Ademais pedía “tratar de garantir máis seguridade para os peóns á saída do cemiterio do Barco, consideramos que non é totalmente segura. Por outra banda, quería propoñerlles regular o semáforo que está ao inicio avenida do Bierzo, de tal xeito que dese máis marxe de tempo para os peóns. A día 13 de xullo de 2023 dalle 16 segundos para cruzar aos peóns e 94 segundos para os coches. Unha persoa maior pode ter serias dificultades para intentar cruzar nese tempo”.

 

O concelleiro do BNG Manuel Agra, no pleno do Barco./ Foto: A.R.

 

Agra engadía que “tamén consideramos que hai que darlle maior altura á varanda que parte da ponte da avenida do Bierzo por riba da vía do tren, ten uns 90 cm e consideramos que é unha altura que pode representar un perigo. Ademais pedía que ao final do traxecto tamén se poña a varanda porque non a ten e alguén pode caer”. Tamén pedía arranxar o aparcamento de terra que está na Casa Grande de Viloira con entrada pola rúa Novelista Elena Quiroga da Barca.

Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García, respostaba que a escaleira de baixada ao Campiño “sabemos que ten un par de pasos que se moven un pouco, pero si que o teremos que arranxar. No referente á saída do cemiterio, falarei coa Policía e mirarémolo, a ver que se pode facer, o mesmo que o do semáforo”. Sobre a cuestión da avenida do Bierzo o rexedor indicaba que aínda “non está acabada a obra da Xunta, a varanda está sen rematar. Esa varanda tiña a altura correcta pero como agora subiu a beirarrúa, subiu a varanda entón teñen que poñerlle un suplemento. O da varanda está en proxecto”. E en resposta á situación do aparcadoiro de Viloira dicía que tamén se procederá ao seu arranxo.

A continuación Dosinda Arias, do PP, incidía na mesma cuestión con outras demandas. “Nas escaleiras da praza do Príncipe e nas que baixan á praza Lauro son moi anchas pero non hai unha especie de rampla para pasar cun carriño, a xente maior que leva muletas, se foran estreitas entenderíao, pero tan anchas… ¿non se podería modificar?”. Así mesmo pedía mellorar dalgún xeito as escaleiras que dan acceso ao paso baixo a vía situado na rúa Eloy Rodríguez Barrios, xusto fronte ao cruce coa rúa Balorca, xa que “é un suplicio para a xente maior esta escaleira. Igual podería poñerse un elevador para toda esta xente, que lle custa moito subir esas escaleiras tan empinadas e esa rampla e todo o que sexa polo ben dos nosos, maiores teremos que facelo”.

Ademais Arias pregáballe ao equipo de goberno que pasase “pola estrada que vai a Vilobal, a 10 metros de onde se empeza a circunvalación hai un burato que vai crecendo e pode provocar algún incidente cun coche” e sobre a situación”.

 

Os concelleiros do PP Antonio Melo, Dosinda Arias e José Luis Tamayo./ Foto: A.R.

 

Alfredo García contestaba que mirará “o tema da estrada de Vilobal, se está relacionado coa obra falarei coa empresa para que o arranxe, e senón arranxarémolo nós. A estrada do cemiterio polo parque da Cruz, aí temos un problema, que o acceso ao cemiterio non é por aí, e todo o mundo por comodidade pase por aí. Iso é un parque arqueolóxico e non podemos cementalo, e se está mal, botarémoslle terra”.

Sobre a mellora da accesibilidade á praza do Príncipe o alcalde aseguraba que “esa cuestión témola mirado moitas veces, pero para favorecer esa accesibilidade hai que cumprir a lei e di que as ramplas teñen que ter como máximo un 8% de pendente e aí hai moita altura. Na parte que dá á praza Lauro Olmo non podemos facer nada porque hai un mural que non podemos tapar cunha rampla e pola marxe esquerda hai un negocio que non podemos tapar. É complicado. E, polo outro lado pasa o mesmo. Nós entendemos que é certo que hai que dar un pequeno rodeo, pero a accesibilidade está. Ese é un tema técnico, que os técnicos plantexan unha solución e é viable, nós non temos ningún problema”.

Ademais Antonio Melo, tamén do PP, transmitía a demanda cidadá de que “a Corporación se poña as pilas para que haxa un servizo adecuado de autobuses”. A este respecto Alfredo García comentaba que habería que poñerse de acordo “e esiximos á Xunta, que é a que ten competencias, que mellore o servizo de autobús. Por nós non vai a quedar a esixencia de que melloren o servizo de transporte público na comarca”

Finalmente, o concelleiro do PP José Luis Tamayo comentaba a situación preocupante que presenta un dos tramos da beirarrúa que se está reparando “cara Coedo, antes o arroio, sería convinte unha revisión xa que están aí por ser reviste perigo e pode caer”. Alfredo García comentaba que se porá en contacto co responsable de mantemento e “iremos a mirar iso”.

Artigos relacionados

Back to top button