CulturaCulturaÚltima hora

A RAG destaca a poesía de Luísa Villalta “máis comprometida nos vinte anos do seu pasamento”

A Real Academia Galega vén de estrear, cadrando co cabodano da protagonista do vindeiro 17 de maio e nas vésperas do 8 de marzo, a sección “Palabras de Luísa Villalta”. As primeiras citas detéñense en Papagaio, un poemario sobre a explotación sexual das mulleres que amosa o perfil máis comprometido da protagonista do Día das Letras Galegas 2024

Luisa Villalta./ Foto: Arquivo familiar/ RAG.

 

O 6 de marzo de 2004 Luísa Villalta morría na súa casa da Coruña por mor dunha meninxite. Cadrando co vixésimo cabodano da autora á que lle dedica o Día das Letras Galegas 2024 e a proximidade do 8 de marzo, a Real Academia Galega detense en Papagaio, o poemario que escribiu para as fotos de Maribel Longueira sobre o derrubamento do barrio da prostitución da súa Cidade Alta. Neste volume, publicado postumamente, Villalta amosa o seu perfil máis comprometido e feminista, nun momento de madureza creativa.

A esta obra, saída do prelo no ano 2006, pertencen os versos cos que a institución abre nas redes sociais e na súa web o espazo Palabras de Luísa Villalta, un mosaico que porá o foco, a través das distintas pezas que o irán completando ata o mes de maio, en fragmentos da súa obra con diversas palabras como guía. A institución estrea ademais hoxe un novo episodio da serie O Seminario de Onomástica responde no que o filólogo da RAG Iván Méndez, estudoso da toponimia coruñesa, expón as distintas hipóteses sobre a orixe e o significado do nome do Papagaio para designar a que foi a zona de prostitución da cidade.

Palabras de Luísa Villalta

A primeira voz elixida para a sección “Palabras de Luísa Villalta” é amizade, que abre un poema no que Luísa Villalta retrata o apoio mutuo que se brindaban as prostitutas do barrio do Papagaio: A amizade ten flor que rebenta nas paredes, / sobrevive da podremia mutua / e só precisa das fiestras abertas / onde nace e se deita o sol de dentro. / Compartir as cordas de tender a roupa / vibrantes de emoción e de necesidade / por aquelas cousas que a auga da vida / non dá lavado, pola dor que as esfrega… Estes versos de marcada sororidade ecoan tamén no limiar do libro, no que Francisco Fernández Naval lembra como se xestaron estas páxinas, froito da amizade entre dúas creadoras, a escritora Luísa Villalta e a fotógrafa Maribel Longueira.

Entre as “Palabras de Luísa Villalta” figura tamén xa nome. Este vocábulo na súa forma plural titula uns coñecidos versos da autora sobre a toponimia coruñesa incluídos en En concreto (2004), pero desta volta é tirado dunha das composicións da segunda parte de Papagaio, na que a escritora lles dá a voz ás prostitutas para reflectir como se senten e a explotación que sofren, nesta ocasión a través de nomes inventados que a muller que toma a palabra nunca volve usar: Era un nome bonito que non lembro. / Escollido ao azar (…) / E antes de levantarme / sobre a cama alcaiota cansa / xa me bautismei cun novo nome / de guerra / para non repetir / a muller vencida e esquecida / que acabo de coñecer.

Os poemas de Papagaio “auscultan a respiración das fotografías, escoitan o seu pulso”, comenta a académica de número Ana Romaní na biografía sobre a homenaxeada publicada na sección das Letras Galegas 2024 de academia.gal. “As vidas das mulleres do Papagaio toman forma na voz dunha poeta que ergue nela a dignidade no medio da hipocrisía, da moral represora e da violencia patriarcal que equipara á violencia da especulación urbanística”, engade a poeta e xornalista.

Un topónimo con posible orixe militar

O nome do barrio que inspirou os versos de Luísa Villalta para as fotografías de Maribel Longueira podería gardar relación cos dous significados principais da palabra papagaio: o que fai referencia á ave exótica que chega a imitar a voz humana e o que, por extensión, se refire a unha persoa falangueira. A hipótese máis sinxela para explicar a súa orixe sería así que un dos seus primeiros moradores fose alcumado O Papagaio ou que houbese na zona un papagaio de certa sona. Da primeira proposta, explica Iván Méndez, hai numerosos testemuños no nomenclátor urbano coruñés (as rúas do Africano e a de Tabares); e a segunda podería gardar relación coa lenda sobre un home que regresou a finais do s. XIX de Cuba traendo consigo un papagaio coñecido na cidade polos insultos que articulaba. Porén esta etimoloxía popular non ten en conta un feito: O Papagaio como topónimo xa está rexistrado con anterioridade ao século XIX.

O filólogo suxire en calquera caso outra orixe. Nunha anotación no Libro de contas do Concello da Coruña, datada o 20 de marzo de 1555, déixase constancia do pagamento que se efectuou a unha persoa chamada Gonzalo de Sande, besteiro de profesión, por colocar nun mastro “un papagayo para hacer exercitar los ballesteros de dicha çibdad”. “Este papagaio non era un paxaro subido a un mastro, senón un dispositivo semellante a un papaventos que se colocaba para servir como branco nos adestramentos de tiro dos besteiros. De feito, no portugués, a palabra papagaio ten entre outros significados o de papaventos. Tamén así no castelán de Venezuela, onde é considerado un lusismo”, detalla Iván Méndez.

Segundo este testemuño documental, o papagaio que servía para exercitar os besteiros fora colocado “cabo da ermida de San Xoán”, templo desaparecido desde o século XIX e que estaba situado na rúa homónima, rúa de San Xoán, a uns douscentos metros do lugar do Papagaio. “Non temos, porén, testemuños do cambio de localización deste papagaio, pero é posible que o crecemento dos barrios de San Xoán e da Atocha provocase a súa translación a un lugar nas proximidades do actual barrio do Papagaio, para evitar perigos na poboación. De feito, nas proximidades do actual Papagaio establecéronse desde antigo diferentes infraestruturas militares, non só o cuartel de Zalaeta, que dá nome ao barrio, ou Campo Volante, hoxe Campo de Marte, senón un campo de artillería que servía de adestramento deste tipo de ferramentas militares”, explica.

Primavera das Letras

Entre outros contidos arredor da figura e da obra de Luísa Villalta, a Real Academia Galega ten xa en marcha a nova edición de Primavera das Letras, unha iniciativa dirixida ao público máis novo. Xoán Babarro e Ana María Fernández son os autores do conto biográfico, titulado Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta, ilustrado por Óscar Villán, que pode descargarse xa na web do proxecto, primaveradasletras.gal. No mesmo espazo ofrécense tamén unha serie de actividades interactivas arredor do universo vital e literario da autora que irán medrando nas vindeiras semanas, fichas para colorear e ligazóns de interese, e volverá convocar o concurso Contádenos o voso Día das Letras.

Artigos relacionados

Back to top button