En portadaÚltima horaVídeos

“A reflexión que busco compartir con este documental é que calquera de nós é un refuxiado potencial”

Pepe Viyuela presentaba "Un viaje hacia nosotros", no que rende homenaxe ao seu avó, na inauguración do VIII Festival Internacional de Curtas de Verín

 

“Nesta viaxe, que aínda hoxe continúa, o que fixen foi aprender, reflexionar. E a viaxe non está tanto nos quilómetros realizados como na viaxe interior e nas reflexións ás que un vai chegando cando se entrevista e coñece e visita e sente. Durante 40 anos en España houbo unha represión que levou ao silencio, por iso este documental é unha forma de intentar darlle voz ao meu avó Gervasio e, a través del, a todos aqueles que loitaron pola liberdade despois dun golpe de estado que levou a 3 anos de guerra e á saída do país de tantísimas persoas que non compartían iso e cuxa vida perigaba”. Deste xeito presentaba o actor Pepe Viyuela o seu documental “Un viaje hacia nosotros”, com cuxa proxección se inauguraba na tarde do 8 de setembro o VIII Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín.

Viyuela amosábase moi agradecido de ter a “oportunidade de presentar no FIC o documental porque isto está feito precisamente para iso, o que se pretende é que sexa visto polo maior número de persoas posible para convidar á reflexión acerca dos refuxiados”. Neste filme, que el mesmo guioniza e que está dirixido por Luis Cintora, rende homenaxe ao seu avó, que loitou no bando republicano na Guerra Civil, que se marchou como do país e rematou no campo de Gurs (Francia), e finalmente puido voltar a España. Nesta viaxe, na que Viyuela embarca tamén ao espectador, afonda no pasado familiar, pero vai máis alá diso e plantexa unha reflexión sobre os refuxiados naquela época e nos actuais.

 

 

Antes da proxección deste documental no Auditorio de Verín, o FIC estreaba o seu programa con agradecementos aos que fan posible este proxecto e, da man de Jorge Godás, director de Creatividade e Multimedia do certame, poñíase en valor da sétima arte. “Estamos no Vía XIV, onde arte e narrativa se unen en torno á gran pantalla para contarnos historias que nos conmoven, nos inspiran e nos desafían. Esta noite gustaríame sacar á luz unha película que, aínda que non é recente, é incriblemente relevante para o noso tempo e o noso discurso: Brazil de Terry Gilliam”.

 

Jorge Godás, durante a suá intervención na inauguración do FIC./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Este filme, no que tamén se inspira o cartel desta edición do festival, “preséntanos un mundo distópico, unha visión sombría dunha sociedade que levou ao extremo a súa dependencia tecnolóxica e burocrática, esquecendo no proceso a súa humanidade e conexión co mundo natural. As paisaxes desoladas, a complexa e absurda maquinaria e a omnipresente sensación de deshumanización serven de advertencia do que podería ocorrer se nos desligamos por completo da natureza e nos mergullámonos cegamente na maquinaria da tecnoloxía sen cuestionar as súas implicacións. Brazil lémbranos que, aínda que a tecnoloxía ten o poder de mellorar as nosas vidas, tamén posúe o potencial de afastarnos, especialmente se descoñecemos o seu impacto no noso medio.”, proseguía Godás.

 

 

Godás despedíase asegurando que, “mentres gozamos dos marabillosos traballos que se presentarán neste festival, convídovos a reflexionar sobre como podemos aproveitar a tecnoloxía sen perder a nosa cerna, a nosa individualidade. E a lembrar que, por riba de calquera ferramenta ou plataforma, está o ser humano, cos seus soños, os seus medos e as súas historias que contar. Do mesmo xeito que o cinema nos recorda a beleza da individualidade humana e o perigo de perdela no ruído dixital, tamén nos amosa a maxestuosidade do noso planeta e nos apremia sobre a necesidade e a urxencia de protexelo”.

 

O actor Pepe Viyuela, tras a proxección de “Un viaje hacia nosotros” no FIC Verín./ Foto Carlos G. Hervella.

 

Viyuela: “Este documental é unha invitación á empatía”

A continuación os asistente podían ver “Un viaje hacia nosotros”, despois de cuxa proxección se iniciaba un coloquio entre Pepe Viyuela, acompañado pola xornalista verinesa Conchi Cejudo, especializada no eido documental e “que ten axudado a desenterrar memorias e persoas e dignidad”, resaltaba Viyuela.

 

 

“Este documental é unha invitación á empatía, a poñerse no lugar de toda esa xente que hai 80 anos foron avós, familiares… Seguramente haxa xente aquí con familia que viviu a represión da guerra civil, pero que hoxe están encarnados en todos estes refuxiados aos que lle estamos dando ás costas. Son xa máis de cen millóns de persoas no mundo que viven nesas condiciós de refuxiados, e a reflexión que eu intento compartir é que calquera de nós é un refuxiado en potencial”, proseguía Viyuela.

 

Pepe Viyuela e Conchi Cejudo, durante o coloquio./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Pola súa banda, Conchi Cejudo resultaba o interese da mirada que Viyuela pon no documental “porque nos obriga a mirar que está pasando hoxe, canto do que está pasando hoxe explica o que fomos e nos fai viaxar, ao final, cun sorriso a lugares tan distintos pero parécenos moi interesante que nos permitas escoitar ás persoas que viñeron de Ucraína, de Siria… de calquera país do mundo buscando axuda e pedindo auxilio e refuxio. A nosa historia é a suma de todas estas historias”.

Despois dun animado coloquio co público, os actos do FIC continuaban cun Túnel do Viño da Denominación de Orixe Monterrei e coa actuación de Banda de Garda amenizou musicalmente a velada.

Encerrona

A axenda de Pepe Viyuela en Verín proseguirá neste sábado, coa súa obra Encerrona, unha representación para a que o Auditorio ten practicamente colgado o cartel de cheo. A partir das 20.00 horas, Viyuela protagoniza esta obra na que reflexiona sobre o cotiá dende a perspectiva dun pallaso, con toques de comedia e humor absurdo.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Máis información:

Túnel do Viño da D.O. Monterrei, na inauguración do Festival Internacional de Curtas de Verín

 

Artigos relacionados

Back to top button