EconomíaEconomíaÚltima hora

A viticultura e a arquitectura do viño protagonizan a segunda ruta do programa “Recomenda Valdeorras”

A quenda do sábado desta formación turística promovida por AEVA ten xa o aforo completo

 

Tralo feudalismo chegou o momento de fixarse no viño e na viticultura. A segunda das rutas do programa formativo Recomenda Valdeorras comezou esta semana dende as alturas, no miradoiro de Chandoiro, dende o que se observa a paisaxe dos viñedos da Bibei, moitos deles en socalcos recuperados nos últimos anos.

Esa foi a proposta de Soledad Figueroa e Luís Carrón para abordar a ruta “In vino veritas” que de Chandoiro pasou aos barrios de covas da Rúa Vella. Alí visitaron as zona históricas das Pinguelas e mais da Coroa, onde remataron cunha cata na Adega Melillas.

Esta segunda ruta tiña o luns 24 de abril e terá unha segunda quenda o sábado 29, aínda que para ese día todas as prazas están cubertas. Se ben a participación comezou sendo tímida, a satisfacción dos participantes está axudando a que se anoten cada vez máis veciños e veciñas da comarca e incluso de zonas próximas. Soledad Figueroa asegura que se trata ademáis de persoas moi activas “con moitas preguntas e que recoñecen o valor que esta información ten para ofrecer un valor engadido aos seus servizos e clientes”.

O que se bota en falta dende a organización é unha maior implicación dende o sector hostaleiro do que de momento so se apuntaron dous negocios. “Gustaríanos que se anotaran máis restaurantes e hoteis, porque ao final son os que si ou si teñen contacto cos visitantes”, explica Figueroa, quen lembra que as rutas se repiten os luns e martes pola tarde para coincidir co día de descanso do sector.

 

 

A deste sábado xa está completa pero quedan prazas para as da romanización e do patrimonio natural que se celebran en maio.

Ademais de para aprender, as rutas están servindo para poñer en contacto a profesionais da comarca que traballan en actividades complementarias e entre os que xa comezan a xurdir sinerxias. Dende a organización destacan que os traslados en autobús de punto a punto estanse convertindo en espazos de conversa sobre as potencialidades económicas e turísticas de Valdeorras que son tan interesantes como as propias paradas.

Unha das participantes asociada de AEVA, Cecilia Fernández, é enóloga e ten unha tenda de viños na Rúa. Para ela a proposta é moi interesante para 2coñecer mellor o lugar e ofrecer alternativas de visita á xente que entra na tenda para levarse unha selección de viños da comarca”. Ela ten claro que un dos valores de Valdeorras é a afabilidade dos locais, que sempre sorprende aos visitantes. “Por diante da nosa tenda pasan moitos peregrinos e antes da pandemia tiñamos un cartel no que lles convidabamos a un viño e estabamos moi contentas co resultado. Agora retomarémolo porque ten un retorno claro dende o punto de visto humano, e para o negocio é un valor reputacional e incluso económico porque poden levar unha tarxeta e encargar viño unha vez que volvan a casa”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button