A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Verín (Aever) vén de presentar un escaparte virtual “único e creado exclusivamente por e para profesionais dacomarca”. Trátase de olazaro.com, unha plataforma de comercio electrónico na que a clientela poderá mercar endiferentes comercios de Verín navegando por unha soa web. A web xa está a pleno funcionamento e pódese comprar e vender nela.
“O nome é homenaxe ás tradicionais Festas do Lázaro onde se organizaban mercados, e aos creadores da web pareceulles unha bonita maneira de manter ese espírito do Lázaro de antes coas facilidades de agora“, tal e como explican dende a entidade empresarial.
Así Aever, en colaboración con ldixital, decidiu “recuperar este nome e todo o que representa para a nosa vila, recoñecendo nesta nova plataforma electrónica unha gran oportunidade de crecemento do mercado local”, engade a organización empresarial verinesa.
En olazaro.com poden atoparse máis de 400 produtos ofertados por comerciantes de Verín, ademais achega un servizo moi demandado pola clientela do comercio local, que é poder mercar dende calquera sitio e recibir os seus pedidos axiña, enviados a casa por unha empresa de transporte local, GLS.
Máis alá da comarca, a plataforma “non substitúe ao comercio físico de toda avida, pero sí que ten unha intención de crecemento, xa que permite manter a clientela fiel que vén en tempadas altas ou durante todo o ano, xa que por prezo e por compromiso coa súa terra, esta clientela elixe mercar en Verín”, destaca Aever.
Os establecementos de Verín siguen uníndose á plataforma de comercio local, e nese senso, Miguel Pérez, de ldixital, anima ás persoas que aínda non se sumaron á iniciativa por falta de tempo ou de coñecementos a que o fagan, “xa que a plataforma está deseñada para que o uso sexa sinxelo e accesible dende o punto de vista dos comercios, e o apoio na aprendizaxe da plataforma é un dos compromisos que dende o principio adquiriu para levar a cabo este proxecto”.