OurenseSen categorizarÚltima hora

Agasallos endulzados con roscón de Reis

Os escaparates das panadarías énchense nestas datas do tradicional Roscón de Reis. Centos de persoas entran nestes establecementos para adquirir o seu e ver se son os afortunados que atopan a figuriña ou se, pola contra, tócalles pagar o roscón do ano que vén coa faba
Dúas persoas ven os roscóns no escaparate dunha panadaría en Ourense.

Algúns historiadores datan a tradición do Roscón de Reis do século XII, concretamente no Reino de Navarra, onde se designaba ao neno que atopaba no roscón a faba o “Rei da Faba”. Aínda que hai outros que din que esta tradición xa databa dos Romanos, cando a faba simbolizaba fortuna e alimento e a introducían nos bolos de pan que lles daban aos campesiños logo da colleita. En Francia tamén se celebra esta tradición, pero nalgunhas partes do país, sobre todo no norte, la “galette de Rois” está feita con milfollas en vez de ser como un bolo.

A faba sempre estivo na receita tradicional, pero a monarquía, en concreto Luís XV, decidiu que esta legume “es de pobres”, así que o seu cociñeiro meteu algo de máis valor, como xoias, para simbolizar a fortuna. Pero esa moda real estendeuse polo pobo, e tamén decidiron incluír cousas de valor dentro do bolo, de aí que agora se inclúa tamén a figuriña como símbolo de fortuna e a faba como símbolo de “tócache pagar o do ano seguinte”.

En Galicia, a tradicional rosca con froita escarchada é a que máis se consume neste día. Esta doce representa a coroa dos reis magos e a froita as xoias que portaban nela.

As panadarías de Ourense foron, estes días previos, auténticos fervedoiros de xente esperando para mercar o roscón de Reis. A confeitería Miguel, na rúa Bedoya, estivo a pleno rendemento durante os días previos esta data festiva. Segundo confirmou unha das empregadas deste establecemento, os dous días previos a Reis fixeron máis de 3.000 roscóns, e para o propio día festivo “esperamos facer 3.000 e todos teñen a faba e a figuriña”, asegurou esta empregada.

Dependendo da xente que sexa á hora de comer, as roscas teñen diferentes tamaños. “Témolas grandes, medianas e pequenas”, explica Monse Iglesias, da Confeitería O Couto, que levan xa “dende o luns” vendendo estes doces. Neste establecemento hai roscóns “desde os 300 gramos ata os dous kilogramos”, informou Monse. Os máis lambóns tamén poden gozar desta fantástica obra de repostaría rechea dalgunha crema: “hainos de nata, de crema pasteleira, trufa…”, di Monse, que a duras penas podía responder ás preguntas polo intenso goteo de clientes que entraba para mercar o roscón para a súa mesa.

Vanesa Álvarez é unha desas persoas que mercou o seu roscón de Reis. Dixo que decidiron, ela e máis a súa nai, mercar o roscón grande “porque somos oito a comer”. Asemade, reitera que a tradición do roscón de Reis é moi típica na súa casa “e o mercamos todos os anos”. En canto á receita, Vanesa Álvarez e a súa nai mercaron o tradicional, sen recheo, “porque é o que máis nos gusta, o de sempre”, dixo.

Así que xa saben, ao que lle toque a faba deberá pagar o roscón do ano que vén e ao que lle toque a figuriña terá fortuna durante todo o ano.

Artigos relacionados

Back to top button