A agrupación municipal socialista de San Xoán de Río elixiu a Albino Gerardo Quinteiro González como o seu candidato á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais. O novo cabeza de lista xa formou parte da anterior candidatura e será “a aposta da militancia da vila para acadar á alcaldía e co pensamento enfocado na veciñanza e non en intereses persoais como acabou acontecendo co alcalde tránsfuga”, segundo os socialistas.
Albino Quinteiro explica que se presenta as eleccións porque “quero traballar polos nosos veciños e veciñas e darlle un futuro ao noso municipio”. Aposta por “potenciar todo aquilo que é referente en San Xoán de Río coma é o caso dos montes e dos recursos paisaxísticos. Somos uns privilexiados por vivir onde vivimos e contamos cun albergue que debe ser potenciado en condicións xa que conta cunha cúpula de observación das estrelas e temos un ceo perfecto e sen contaminación luminosa para explotar este recursos, por non falar das grandes instalacións que teñen Os Biocos e que debemos seguir explotando para fomentar a chegada de visitantes”.
O candidato apunta que “o obxectivo dos socialistas de San Xoán de Río e traballar en favor da veciñanza e non de intereses persoais e conseguir melloras que repercutan directamente sobre as veciñas e os veciños. Os eixes da miña candidatura serán o traballo por un municipio no que levo vivindo moitos anos e o que lle teño gran agarimo”.