En portadaÚltima hora

As máscaras do Entroido galego, na Feira Internacional de Turismo

 

Na Feira Internacional de Turismo (FITUR) promocionábase esta mañá o Entroido galego, cunha presentación na que participaba o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, Carmen Pita, e representantes de varios entroidos de interese turístico.

Unha cita na que o Goberno autonómico puxo en valor esta celebración tan arraigada á identidade galega e convidou a aqueles que non coñecen os diversos e variados entroidos a descubrir as súas tradicións e riqueza cultural, coincidindo co inicio dos festexos nalgunhas localidades galegas.
Trátase, como se puxo de manifesto durante a presentación, dun elemento central no patrimonio inmaterial de todos os galegos, unha das súas celebracións máis xenuínas e algo imprescindible para comprender e definir a identidade de Galicia.

Coa publicación esta semana no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se incoa o procedemento para declaralo BIC, “o Entroido galego xa goza da máxima protección. Así, as medidas xerais de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial compromete ás Administracións públicas a garantir a súa viabilidade, nomeadamente a súa identificación, documentación, rexistro, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización”, segundo a Xunta.

Durante a presentación en Fitur, estiveron representados algúns Entroidos galegos co recoñecemento de interese turístico como o Entroido de Cobres, coas madamas e galáns; o Fulión Tradicional do Entroido de Manzaneda, coas mázcaras; o Enterro da Sardiña de Marín; os Xenerais da Ulla; o Entroido de Viana do Bolo, cos Boteiros; o entroido de Vilariño de Conso, e o Entroido de Xinzo de Limia. Tamén acudían alcaldes destes municipios.

Artigos relacionados

Back to top button