OurenseÚltima hora

Baltar proponlle a M. Victoria Carballo-Calero que actualice a obra “El santuario de Nuestra Señora das Ermitas”

O presidente da Deputación de Ourense facíalle á autora esta suxerencia na presentación de "La transformación de una ciudad. Ourense (1880-1936)"

Presentación do libro en Ourense.

 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel na presentación do libro La transformación de una ciudad. Ourense (1880-1936), unha actualización do traballo que a propia autora, a catedrática de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo María Victoria Carballo-Calero, publicou a mediados dos noventa do pasado século. Unha oportunidade máis, afirmou Manuel Baltar, “para demostrar o compromiso inquebrantable e maila aposta da Deputación pola cultura de seu desta provincia”.

O presidente do goberno provincial puxo un valor a revisión dun estudo sobre a evolución dunha cidade como Ourense, que “bulía a comezos do século XX, que sabía cara onde quería ir e que estaba conectada coas vangardas intelectuais e culturais, incluída a Xeración Nós”. Para Manuel Baltar, a catedrática presenta un gran traballo “que pon a disposición das persoas que teñan ese vivo interese por unha etapa histórica na que se transformou a “Atenas de Galicia”, grazas á creatividade de importantes arquitectos”.

Manuel Baltar aproveitou o acto de presentación do volume para lanzar un novo reto á historiadora, co fin de que actualice outra publicación na que tamén participou e que data de finais da década dos oitenta: El santuario de Nuestra Señora das Ermitas, tamén co propósito de “poñer en valor outro dos grandes tesouros do noso patrimonio”.

Obxectivo cumprido

María Victoria Carballo-Calero, que recolleu a encarga de Baltar, agradeceu o apoio da Deputación para a publicación dun libro “que sae á luz case que como unha aposta persoal do presidente”, ao tempo que tamén quixo destacar o traballo realizado polo editor, Miguel Anxo Carballo, e as novas imaxes incorporadas coas fotografías de Alberte Paz.

O volume é o resultado dunha investigación “nos eidos do urbanismo, como ciencia da cidade, e da arquitectura”, explicou a autora, “e nos axuda a comprender mellor o que foron e seguen a ser as cidades que herdamos e debemos respectar sen destruílas”, dixo recollendo as palabras de expertos.

Carballo-Calero considera cumprido o obxectivo que se marcou: “Ofrecer unha visión íntegra dunha cidade nun período fundamental para a súa historia como o que vai desde a Restauración ata a Guerra Civil”. Para elo e ao longo de máis de 200 páxinas, a historiadora fai unha primeira aproximación á sociedade, á política e maila cultura do momento, repasa a transformación urbanística e arquitectónica de Ourense e establece unha serie de conclusións que xiran en torno á evolución da cidade, desde o formalismo da etapa de fin século ata as aproximacións ás tendencias modernistas da primeira década do século XX.

Artigos relacionados

Back to top button