ConcellosÚltima hora

Cae a ponte de Xunqueira de Espadanedo na OU-536, que estaba cortada ao tráfico dende o venres

O BNG pide explicacións sobre o acontecido e a Xunta asegura que o control que había sobre a ponte "foi o que permitiu actuar coa previsión suficiente e restrinxir totalmente o tráfico desde o pasado venres, sen risco para a circulación"

Cedida.

 

O deputado electo por Ourense, Iago Tabarés vén de pedir explicacións esta tarde, a través dunha nota de prensa, sobre o derrube da ponte de Xunqueira de Espadanedo (cortada ao tráfico dende o pasado venres), que se producía esta mañá no tramo da estrada OU-536. O nacionalista pide responsabilidades e fala de “desleixo da Xunta por non tomar as medidas necesarias para impedir a caída da ponte”.

Tabarés apunta que en diversas ocasións, o BNG denunciou “as deficientes condicións da ponte e advertiu que o firme podía ceder en calquera momento e tanto a diminución do tránsito como o reasfaltado non impediron que así acontecera”.

Así mesmo, Iago Tabarés indica tamén que “afortunadamente o derrube da ponte non provocou danos persoais” e reitera que “deben determinarse as responsabilidades pola falta de adopción de medias para corrixir as deficiencias xa advertidas na execución do proxecto de acondicionamento e reparación do firme”. Ao seu xuízo, o máis importante é “evitar os riscos para as persoas que circulan por esta vía”.

A Xunta: “Veñen efectuándose traballos de monitorización da ponte nos útimos meses”

Pola súa banda, a Consellería de Infraestruturas emitía tamén esta tarde outra nota de prensa asegurando que a “Xunta vén efectuando nos últimos meses traballos de monitorización na ponte de Xunqueira de Espadanedo, construída no século XIX, para avaliar, en todo momento, o seu comportamento e garantir a seguridade da circulación. Tras os problemas detectados nos últimos meses, no mes de xaneiro acometeuse un corte parcial da ponte e intensificáronse as probas para coñecer o alcance dos danos e definir a solución definitiva”.

Tamén apunta o departamento autonómico que o control de monitorización que estaban a realizar os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas implicou o control en 3D da ponte, con puntos “diana” para detectar movementos de modo inmediato. “A situación estaba sendo controlada e por iso, unha vez que se produciu un movemento no estribo danado, adoptouse a decisión de pechar totalmente ao tráfico a ponte para evitar riscos, xa o pasado venres, e comezar cos traballos destinados á construción dun novo estribo. Ese control foi o que permitiu actuar coa previsión suficiente e restrinxir totalmente o tráfico desde o pasado venres, sen risco para a circulación”.

O goberno galego tamén sinala que se “está xa a traballar, polo procedemento de emerxencia, para a reconstrución do estribo e a estabilización da ponte, unhas obras que teñen un prazo estimado de 3 meses, supeditado ás condicións meteorolóxicas, tal e como se trasladou xa o pasado xoves. O obxectivo deses traballos é, polo tanto, reconstruír a parte danada e asegurar a estabilidade do que está en bo estado co fin de solucionar definitivamente os problemas xurdidos nos últimos meses”.

Artigos relacionados

Back to top button