Nalgúns casos parten de receitas tradicionais, como acontece cos trufados, e noutros son propostas novidosas, pero sempre de elaboración artesanal, con produtos de calidade, moi fáciles de preparar e deliciosos. Lacón trufado, pastel de carne, pementos recheos, lágrimas de polo, pasteliño de carne… Os elaborados son o selo de identidade de Carnicería & Elaborados Lupe, cuxo punto de venda está no Supermercado Corzo Covirán do Barco (na avenida Manuel Quiroga, 3).
Á fronte desta carnicería está Guadalupe Fernández Barrio “Lupe”, unha namorada do seu traballo e que herdou a súa profesión da súa familia, natural de Sanabria (Zamora). “Son xa a quinta xeración de carniceiros na miña familia e, ademais, formeime na escola de carniceiros que había en Madrid e continuo formándome día a día con cursos para prepararme para a profesión e seguir mellorando. Tamén fixen varios cursos de escaparatismo para carnicería”, explica esta profesional que leva 32 anos detrás dun mostrador.
Hai case dous anos abría o seu punto de venda no Barco, ofertando todo tipo de carnes de calidade, sempre traballando con ganderías e produtores da zona, e tamén os seus singulares elaborados, que tiveron unha excelente acollida. “Estamos moi contentos coa resposta da xente, imos facer dous anos en xaneiro e a verdade é que a resposta aos nosos elaborados foi un 100%, e todo polo boca a boca, unha xente manda a outra porque os proba en casa de amigos ou veciños”, explica Guadalupe Fernández.
A gama das súas elaboracións é moi ampla e varía en función da época do ano. “Agora mesmo o que máis facemos é o lacón trufado, un dos nosos elaborados estrela. A miña idea inicial era preparalo puntualmente para as festas de Santa Rita, do Cristo, pero é un produto que se quedou todo o ano porque ten moita demanda”. O lacón trufado é unha receita tradicional, saborosa, pero tamén moi laboriosa. “Necesitas case unha semana para elaboralo, porque empezas co lacón, quitándolle o oso… Son numerosas horas e moito traballo, pero é algo que me gusta e fágoo con gusto”, comenta esta carniceira, que resalta a gran acollida que ten entre os clientes.
“O trufado comercial non ten nada que ver con este trufado artesanal”, engade Lupe, “e iso a xente nótao, vén e coméntame que o seu sabor é o do que facía a súa mai ou a súa avoa… E cando estás detrás dun mostrador iso satisfáceche moito. De feito nestas festas a demanda desbordounos e quedamos sen el”.
Nos seus elaborados utilizan diferentes tipos de carne: tenreira, porco, cordeiro… “Traballamos pinchos de cordeiro, tamén facemos cachopo, libritos, alitas de polo adobadas (de tres tipos diferentes), coello con verduras, pementos recheos, pastel de carne, lágrimas de polo, lomo recheo, etc.”, comenta. Así, o seu pastel de carne leva algunha especia, allo, perixel, pementas trituradas, xamón york e queixo. “Preparámolo aquí e ten forma redonda e queda moi rico”, di Lupe. Outro elaborado con moita demanda son as lágrimas de polo. “É a peituga de polo cun pan rallado especial, que preparamos nós con especias, e témolas de tres tipos son un éxito”, continúa.
Son todos elaborados moi fáciles de preparar e rápidos, “como moito 20 minutos ao forno e están feitos. E isto é importante para o tempo que temos hoxe en día ou o tempo que lle dedicamos á cociña, é un produto de calidade pero que se pode preparar para comer moi rápido”, resalta esta carniceira, que tamén traballa por encargos.
E a esta variada oferta súmanse os seus pasteliños de carne, que fai especialmente no Nadal. “Levan hojaldre, carne picada e están decorados igual que un pasteliño de pastelería. E logo facemos unhas piruletas de carne”, indica Lupe. A materia prima dos seus elaborados é sempre produto de calidade e de Km 0.
Ao mesmo tempo que a calidade dos seus elaborados, Carnicería & Elaborados Lupe coida e mima a súa presentación, con bodegóns que renovan a diario e que tamén inclúen elementos propios de cada estación ou tempada. “A decoración cámbiase todos os días, fanse presentacións segundo o momento de campaña que sexa, por exemplo, agora que entramos no outono e inverno, cos cocidos, pois incídese no mostrador en todo o que é curados, porque nós traballamos produto curado de calidade de Marucho de Raigada (Manzaneda)”, asegura Lupe.
E sempre buscando mellorar e innovar. “Os nosos elaborados fanse segundo o momento e agora, de cara ao outono, estamos traballando nun con probas e con diferentes métodos para elaborar varios tipos de fajitas, para que só se teñan que meter no forno vinte minutos. Buscamos algo que sexa o máis sano posible e tamén adaptándonos á xente”, conclúe Lupe.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información e pedidos:
Telf. 670578738
guadalupefernandezbarrio@gmail.com