A imaxe de Nosa Señora do Carballal, unha bonita talla datada entre finais do século XIX e principios do XX, esperta cada ano unha gran devoción entre os veciños, non só da localidade de Carballeda de Valdeorras, senón de toda a bisbarra, que acoden ata os cumes da montaña para venerala e tamén para desfrutar das festas organizadas pola comisión a comezos de setembro.
Custodiada na capela construída en pedra hai máis de dous séculos, nun terreo da Comunidade de Montes de Carballeda, Bascois e Santa Cruz, a Virxe é levada a ombros polos fieis cada 8 de setembro, o día central das festas que se organizan na súa honra, cunha procesión que remata na eucaristía, con actividades complementarias.
Polo menos así era ata que a pandemia de Coronavirus paralizaba en 2020 toda actividade cultural, deportiva, lúdica e mesmo relixiosa. O ano pasado nin sequera se celebraba a misa e neste 2021 malia que nun principio o párroco adiantara que tampouco se ía celebrar, tal como se publicaba na edición en papel de O Sil no número de setembro, finalmente si haberá unha eucaristía este mércores ás 11:30 horas. “Hai unha semana falaron comigo os organizadores e dixeron que querían ter misa así que terémola, pero sen procesión”, asegura.