ConcellosÚltima hora

A Clínica Veterinaria Valcan fai o seu primeiro trasplante de células nai, nun Chihuahua

O can chámase Vampi e sufre osteólise na crista tibial dunha das patas traseiras
Vampi é un Chihuahua que ten dez anos.

Vampi é un fermoso Chihuahua que naceu no Barco de Valdeorras cunha malformación en todo o terzo posterior que lle impide camiñar, aínda que iso non foi impedimento para que Pilar Pérez se namorase del ao pouco de nacer hai xa dez anos, adoptándoo e converténdoo nun dos cans con mellor calidade de vida da vila.

Cada ano, o pequeno Vampi pasa as súas revisións na Clínica Veterinaria Valcan do Barco e na última, descubrían que tiña osteólise na crista tibial dunha das patas, o que lle provocaba fortes dores. Despois de consultar con outros especialistas, na clínica barquense decidían apostar polo trasplante de células nai, un procedemento novidoso no que hai postas grandes esperanzas, aínda experimental, que no Barco facían por primeira vez o pasado 1 de marzo. “O que pretendiamos era, por un lado lograr un efecto analxético para controlar as molestias do can e por outro, intentar que se rexenere o óso. A primeira xa a conseguimos posto que a dor está controlada, para a segunda haberá que esperar os resultados”, explica o veterinario Jorge Nieto. Xunto a el, participaron no proceso outros tres veterinarios: Javier Domínguez, Ana García e Natalia Fentes.

 

Os cirurxáns da Clínica Veterinaria Valcan que participaron no trasplante, con Vampi.

Tal como explica Jorge “as células nai son multipotenciais primitivas coa capacidade de rexenerarse noutro tipo de células, polo que se as introducimos en tecido óseo transformaranse en células óseas que é o que nos interesa neste caso. O que fixemos con Vampi foi extraerlle graxa da zona inguinal que enviamos ao laboratorio. Alí fixeron crecer as células nai a partires desa graxa, e nun período de entre 15 e 20 días enviáronnolas a nós para implantalas cunha cánula a través dunha xeringa no óso do can, con varias infiltracións para que chegara a toda a zona”. A cirurxía foi previa, para a extracción da graxa e as probas para certificar que o dano non era tumoral, pero o trasplante en si non foi un acto cirúrxico.

Fotos cedidas.
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

 

Back to top button