EconomíaEconomíaÚltima hora

Convocadas as primeiras axudas para a mellora da calidade da auga das traídas

Os incentivos cubrirán o 80% do custo das actuacións que resulten elexidas

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, publica hoxe, 21 de xullo, no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das primeiras axudas destinadas á mellora da calidade da auga das traídas veciñais para os anos 2020 e 2021. Os interesados poderán solicitar os incentivos a partir de mañá e contan co prazo dun mes para presentar a solicitude.

Poderán beneficiarse aquelas comunidades de usuarios constituídas legalmente que acrediten incumprimentos nos parámetros sanitarios da calidade das augas. Tamén poden optar á subvención aquelas que presenten plans para a mellora dos sistemas de tratamento da auga, melloras en infraestruturas que incrementen a calidade, ou contemplen a realización análises de auga para facer unha comparativa da calidade antes e despois das intervencións.

A liña de axudas, que conta cun importe máximo de 750.000€, cubrirá o 80% do financiamento das actuacións que resulten elexidas, cun máximo de 15.000€ por proxecto. O 20% restante deberán achegalo os beneficiarios, non sendo compatible este incentivo con outro tipo de subvencións ou axudas. O 30% da convocatoria destinarase a comunidades de ata 50 membros mentres que o 70% concederase a comunidades máis grandes.

As traídas veciñais son unha realidade moi presente en Galicia e especialmente nas zonas rurais, onde moitas veces son a solución máis eficiente para o abastecemento. Calcúlase que en toda a comunidade, unhas 600.000 persoas utilizan pequenos sistemas de abastecemento propios. Con esta iniciativa, a Xunta busca dar a estas comunidades un marco lexislativo especial, outorgándolles carácter de coroporacións de dereito público.

 

Artigos relacionados

Back to top button