En portadaÚltima horaVídeos

Da minería aurífera romana e os “procuratores metallorum” á lápida ruesa de Pompeio Reburro, no simposio de Xagoaza (O Barco)

Este foro histórico e arqueolóxico continuará mañá con outros catro relatorios sobre a presenza romana en Valdeorras

 

A minería aurífera do noroeste en época imperial e epigrafía ligada a elas, as pegadas prerromanas á beira da Via Nova e unha análise a rede viaria trazada por Roma entre Bracara Augusta (Braga) e Asturica (Astorga) a partir da mansión valdeorresa de Foro. Eran os catro eixos principais que se abordaban na primeira das sesións do IV Simposio histórico arqueolóxico “A presenza romana en Valdeorras e aledaños dende o século I da era ata a invasión árabe”, que se iniciaba na mañá deste venres 13 de outubro en Xagoaza (O Barco) cunha trintena de asistentes.

O acto inaugural deste foro, promovido pola Universidade de Santiago de Compostela e polo Grupo Arqueolóxico Larouco, tiña lugar ás 9:30h. por parte do profesor Antonio Rodríguez Colmenero, catedrático de Historia Antiga xubilado, e do alcalde do Barco, Alfredo García. “Con esta iniciativa pretendemos divulgar e transmitir a herdanza dos nosos antepasados de cara tamén á súa conservación”, dicía Colmenero, agradecendo tamén os apoios que fixeron posible este simposio, cunha mención especial a Honorato López Isla, que non puido estar na xornada, “pero que está presente doutro xeito”. Ademais diantaba os principais temas que se desenvolverán durante o simposio, que concluirá o día 15 de outubro cunha viaxe en autobús ata Asturica (Astorga).

 

O alcalde do Barco co profesor Antonio Rodríguez, na inauguración do simposio.

 

Deseguido, o alcalde do Barco explicaba que con este encontro vén a retomarse a actividade cultural de diverso tipo que anos atrás se desenvolveu en Xagoaza. “Este é o primeiro intento de retomar os ciclos culturais que houbo no pasado e, como non podía ser doutro xeito, a través dunha temática como a romanización”. Neste senso, o rexedor lembraba o proxecto de posta en valor da Vía Nova no que participaba o Concello do Barco xunto ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e para o que se está a buscar financiamento europeo.

 

 

 

A partir de aí dábase paso ao primeiro dos relatores do simposio, o arqueólogo valdeorrés Santiago Ferrer Sierra, quen facía unha exposición sobre a minaría romana no noroeste peninsular, poñendo o foco principalmente en Valdeorras, pero abordando tamén explotacións doutras partes da provincia de Ourense, así como das de Lugo, León e o norte de Portugal. “Valdeorras sempre foi ao longo dos séculos unha mina, primeiro de ouro, en época romana, e, xa na etapa moderna de cobre, ferro, volframio e, finalmente, de lousa”, comezaba dicindo para, logo, explicar os dous tipos de xacementos auríferos existentes: primarios (en rochas graníticas ou lousas) e secundarios (en formacións de conglomerados ou aluvións semisoltos), cunha gran concentración na conca do río Sil, detallando a súa tipoloxía.

 

Relatorio do arqueólogo valdeorrés Santiago Ferrer Sierra.

 

Ferrer Sierra tamén afondaba nas técnicas aplicadas por Roma para explotalos, cunha referencia especial ao modo no que se empregaba a auga (cun quilométrica rede de canles) e apoiándose en diversos exemplos e imaxes.

 

 

Despois facía un percorrido diversas explotacións e complexos mineiros valdeorreses como A Medua (Carballeda de Valdeorras), as Barreiras (Córgomo, Vilamartín), o complexo mineiro da Raia (Éntoma, O Barco) ou o gran complexo de Montefurado-Vilanuide-San Martiño, na comarca quiroguesa.

O depósito funerario do Castrillón (Larouco)

Neste percorrido pola época romana facíase unha paréntese para, sen saír de Valdeorras, viaxar un pouco máis atrás no tempo e achegarse ao poboado fortificado prerromano do Castrillón (Larouco) da man do arqueólogo Martiño Xosé Vázquez, de Xeitura Coop. Gal. Na súa ponencia abordaba o depósito “funerario inédito na Idade do Ferro no NW ibérico” atopado nunha das campañas realizadas neste xacemento, que cualificaba como “o conxunto fortificado máis monumental de Galicia, con secuencia de foxo e contrafoxo escavado directamente na rocha e cun gran foxo de 200 m de corda e cun desnivel de 30 m. É unha fortificación inexpugnable, non coñezo referentes deste calibre”.

O arqueólogo tamén plantexaba que, “no 2020, cando chegamos alí eu tiña dúbidas sobre a habitabilidade deste lugar”, principaba dicindo, pero ao longo da súa exposición, cos achados que saían á luz dende entón demostraban que si estaba habitado. Despois comentaba os resultados as diferentes escavacións, primeiro unha cabana cun resto cerámico e outro de carbón, que permitiron datar o xacemento no século I antes de Cristo, logo dúas novas cabanas e, o máis sorprendente, baixo o solo dunha delas, tapada por unha lousa, aparecía unha ola que contiña restos óseos carbonizados, tal e como confirmaba a análise do antrópologo forense Fernando Serrulla.

 

O arqueólogo Martiño Xosé Vázquez durante a súa intervención.

 

Martiño Xosé Vázquez daba conta dos resultados da mesma, nos que se conclúen que hai dous restos óseos carbonizados, Serrulla non pode chegar a determinar se son ou non humanos. Nese senso, barállanse varias hipóteses, unha delas que poida ser un depósito fundacional ou ben un enterramento infantil, algo vincularía a esta zona con costumes semellantes da meseta, pero, coa particularidade, tal e como matizaba este arqueólog, que na meseta non se incineraban os restos, senón que se inhumaban.

Ademais este investigadores destacaba que O Castrillón aínda ten moitas historias que contar xa que apenas se interviu neste xacemento de 1,5 hectáreas e pon en valor a iniciativa de recuperación deste espazo patrimonial (promovida polo Concello de Larouco co apoio da Xunta) “que estaba abandonado”.

Os procuratore metallorum

A epigrafía era a fonte da que botaba man o terceiro dos relatores das xornadas, Jorge Sánchez-Lafuente, profesor titular de Historia Antiga da Universidade de León, para afondar na figura dos procuratore metallorum funcionarios imperiais no marco das explotaciones mineiras de ouro do noroeste. “O solo que inicialmente era astur pasa a ser solo público, romano, e as minas de ouro do noroeste era explotacións imperiais”, matizaba Sánchez-Lafuente, que ademais distinguía dúas tipoloxías de procuratores: o que estaban a pé de obra como contrastistas ou levando medicións “cun status de liberto imperial, é dicir, dependentes do emperador” e aqueles outros que “teñen que entender coa sociedade, coas comunidades para traballar nas nas minas”.

 

Jorge Sánchez-Lafuente, profesor de Historia Antiga da Universidade de León.

 

Este investigador referíase a dous procuratores en concreto, apoiándose en datos epigráficos, un deles, en cuxa figura se detiña de forma especial era Iulius Silvanus Melanio, de época severiana e que “era un cabaleiro público, estivo nas minas pero ten uns cometidos máis elevados, cobra taxas e intervén en asuntos xudiciais, e xa o feito de pagarlle ao exército confírelle unhas responsabilidades”. Ademais de en Asturica, estivo en multitude de lugares como Lungdum (Lión), Britania ou Dalmacia, e facía inscricions tamén en grego, algunha delas coa advocación á Némesis esmirniota.

Na parte final da súa intervención, Sánchez-Lafuente daba a coñecer, xunto ao enxeñeiro de minas Roberto Matías, o achado dunha inscrición no canal norte do Teleno, que aínda están a descifrar. “Desconcertounos moito, mesmo consultamos a especialistas en linguas antigas, que nos confirmaron que non é prelatino. A referencia que temos hoxe destas letras non garda hoxe por hoxe sentido. Teñen un ductus moi profundo e hai que ter en conta que para trazalo na parede tiveron que desprazarse a un lugar moi remoto, polo que tiñan moito interese”.

 

 

A rede viaria e a Via Nova e a lápida de Lucio Pompeio Reburro

Na rede viaria trazada por Roma para conectar o noroeste da península centraba a súa intervención, a derradeira da mañá, o profesor Antonio Rodríguez Colmenero. Presentaba un esquema coas principais rutas creadas polo Imperio tras a conquista e comezaba referíndose ás máis antigas, para logo referirse a Via Nova, do século I despois de Cristo.

 

 

“Construíuse case un século despois que as outras, pero constitúe unha das vías máis importantes e con máis miliarios do Imperio. Fíxose por parte de Roma un auténtico dominio co seu modo de ser e coa súa civilización, preocupáballe a urbanización do noroeste e fixo cousas importantes”.

 

Antonio Rodríguez Colmenero abordando a rede viaria romana no noroeste.

 

Rodríguez Colmero destacaba importantes vestixios desa presenza romana como a lápida de Lucio Pompeio Reburro que se conserva nunha parede, fronte á igrexa de Santo Estevo da Rúa Vella. “Amosa como un gigurro, unha persoa de aquí, chegou a Roma e triunfou, é unha xoia da que presumir e que non se ten valorado como debería”.  O relator contaba, tomando como referencia os datos da lápida, a historia deste personaxe gigurro que triunfou na capital do Imperio tanto no militar, “cunha serie de títulos formidables como membro da Cohors VII Pretoria, que defendía ao emperador”, e despois “pasouse á vida civil, onte tamén chegou a ser unha auténtica figura”. Entre outros documentos pétreos, citaba así mesmo o famoso “Bronce de Bembibre”, atopado nesta zona berciana.

 

 

A sesión concluía cun coloquio entre os relatores e o público asistente. O simposio continuaba esta tarde cunha visita guiada á zona de Montefurado e Ribas de Sil e mañá terá unha nova sesión de relatorios a partir das 9:30h.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Os catro relatores deste venres no coloquio cos asistentes.

Artigos relacionados

Back to top button