O candidato á alcaldía no Concello de Verín e actual tenente de alcalde, Diego Lourenzo, celebraba na mañá do 11 de maio o seu mítin central de campaña para as vindeiras municipais na praza da Mercé. Neste acto estaba apoiado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; pola eurodeputada e candidata ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, e pola segunda da súa lista para o Concello da vila, Emilia Somoza.
Lourenzo agradecía ao integrantes da súa lista e aos seus concelleiros o soporte e bo facer para percorrer a senda que o BNG de Verín iniciou hai catro anos na vila. “Esta última lexislatura supuxo un punto de inflexión na historia recente do noso Concello, fomos quen de iniciar un proceso de cambio colectivo, mais aínda queda moito por facer”. Tamén agradeceu a súa presenza a Pontón e Miranda, “dúas mulleres traballadoras e comprometidas que guían o proxecto do BNG cos pés e o corazón na terra”.
O cabeza de lista do BNG en Verín resaltou a súa vontade seguir humanizando a vila e a necesidade de facer políticas con e para a veciñanza. Entre a batería de propostas do grupo municipal nacionalista “hai unha clara orientación aos servizos públicos e ao desenvolvemento económico da vila e a súa contorna, centrando o modelo de actuación no diálogo social e a participación da veciñanza.
Diego Lourenzo e o seu grupo propoñen un programa organizado en dez puntos para un Verín que pense en colectivo: céntranse na cultura; no urbanismo e as infraestructuras; o diálogo social e a participación; o turismo; a boa xestión nos núcleos rurais; os servizos sociais e a sanidade; a educación e a mocidade; o desenvolvemento económico, o comercio e a hostalaría; os deportes e os servizos públicos e o medio ambiente.
Pola súa banda, Emilia Somoza asegurou que queren “ofrecer un cambio máis grande en Verín coa súa proposta para a alcaldía con gran solvencia moral e respaldados polo partido que mellor coñece ás galegas e aos galegos”.
Ademais a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalaba que en lugares como Verín “onde gobernamos, melloramos a vida das persoas, con concellos honestos, libres de corrupción, exemplos de democracia participativa, feministas e sustentables. Concellos dos que sentir orgullo, que promoven a nosa lingua e a nosa cultura, que demostran que cando temos confianza nas nosas capacidades logramos ser un referente, dentro e fora do país, a aí están os feitos dun modelo municipal de éxito, que funciona e queremos estendelo por Galiza, queremos máis BNG nos concellos”.
A candidata ao Parlamento Europeo e actual eurodeputada, Ana Miranda, salientaba a importancia de que Galiza teña representación de país en Bruxelas, “para defender desde a Eurocámara e no resto das institucións da UE fondos para combater o despoboamento que afecta sobre todo ao interior deste país, agravado pola sangría da emigración de xente moza”.
Ao acto tamén asistiron os alcaldes e candidatos do resto de concellos da comarca: Monterrei, A Gudiña, Viana do Bolo, Castrelo do Val, Oímbra, A Mezquita e Cualedro.