
Novamente a xove atleta valdeorresa Xiana Pungín Estévez (Adas) vén de amosar a súa calidade deportiva logrando un dobre oro e unha prata no Campionato de España Liberty de Promesas Paralímpicas de Atletismo, celebrado en Valencia a pasada fin de semana do 24 e 25 de outubro. Nesta competición participaban máis de 100 deportistas (da categoría Sub 20 ata a Sub10), chegados dende diferentes puntos de España.
Así, no estadio de atletismo do Turia, Xiana Pungín facíase co ouro nos 80 m (cunha marca de 12.17) e nos 1.000 m (4:03.99), ademais de colgarse a prata na lonxitude dun salto de 4’02 m. Esta é xa a cuarta vez que esta atleta acude a esta competición nacional, unha das que lle fan “máis ilusion polo gran ambiente de compañeirismo que se vive” nela, tal e como destacan dende o o Club Adas, que lle transmite ademais a súa “máis sinceira felicitación”.

Nas tres xornadas do Campionato de España Liberty de Promesas Paralímpicas de Atletismo, organizado polo CPE e as Federacións de deportistas con discapacidade, FEDC, FEDDF, FEDDI e FEDPC, “os novos atletas destacaron e mostraron un bo estado de forma na competición”, tal e como valoran dende a Federación Española de Deportes para Cegos.
Fotos cedidas pola familia.
