SanidadeÚltima hora

Educar e empoderar aos pacientes no control e autocoidado, obxectivos do Día Mundial da Asma

Entre 200 e 250 persoas son atendidas anualmente por asma grave e frecuentan habitualmente o Hospital de Día de Neumoloxía ata conseguir un bo control

 

No Día Mundial da Asma, as profesionais desta Unidade do Hospital Universitario de Ourense desexan facer pública a importancia de mellorar o control desta enfermidade crónica que afecta, a entre un 4 e o 5,5% dos adultos, e preto do 7% da poboación infantil.

O lema elixido para este ano polo Grupo Galego da Asma da SOGAPAR (Sociedade Galega de Patoloxía respiratoria) é “A educación sobre a asma empodera” co que tentan de salientar a importancia da educación do paciente con asma como un elemento básico do seu tratamento, xa que reduce o risco de padecer unha exacerbación, aumenta a súa calidade de vida e diminúe os custos sanitarios, polo que forma parte indispensable do manexo integral da enfermidade.

A asma é unha enfermidade crónica que conta con recursos sanitarios e tratamentos efectivos e eficaces e, pese a elo, ata un 36% dos pacientes, segundo os últimos estudos, están mal controlados, e un número similar, 34%, parcialmente controlados, o que empeora a súa calidade de vida e aumenta as súas necesidades asistenciais, incrementando ingresos, probas, consultas e consumo de fármacos.

Por todo iso a Unidade de Asma do Hospital Universitario de Ourense, que está acreditada desde 2022 co nivel de excelencia, por parte da Sociedade Española de Patoloxía Respiratoria (SEPAR) quere chamar a atención sobre a necesidade de mellorar o control desta enfermidade, para o que é clave, ademais dos recursos sanitarios, a implicación dos propios pacientes no coñecemento da súa enfermidade, empoderalos e ofrecerlles as ferramentas esenciais na responsabilidade do seu autocoidado.

Non hai idade para a Asma

Pese á crenza popular de que a asma só afecta os nenos ou mesmo que desaparece chegada a idade adulta, trátase dunha enfermidade que pode afectar a calquera idade. Estímase que o 5% da poboación adulta padece asma en España, prevalencia que podería ser máis alta en Galicia chegando a afectar as 5.000 persoas adultas na nosa área sanitaria.

Ademais polo medio das consultas do servizo e as interconsultas con Atención Primaria, os pacientes a seguemiento en Ourense, e moi especialmente aqueles con unha patoloxía máis grave, contan cun telefono de contacto directo co Hospital de Día de Pneumoloxía, onde poden chamar para aclarar calquera dúbida, reaxustar o seu tratamento sen esperas, e ser vistos no mesmo día ou en 48 horas.

A unidade de asma de Ourense está atendida Coral González, Raquel Dacal e Abel Pallarés, neumólogos expertos en asma, e membros do Grupo Galego de Asma da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria. Ademais contan co apoio de Isabel Rodríguez, enfermeira do Hospital de Día de Pneumoloxía, referente no tratamento e educación terapéutica dos pacientes de Asma, xunto cun equipo profesional con longa experiencia no tratamento dos pacientes con patoloxías respiratorias crónicas.

Coral González, destaca que entre uns 200 e 250 ourensáns e ourensás son atendidos anualmente por Asma Grave, sendo tamén os pacientes de asma, un dos usuarios habituais do Hospital de Día de Neumoloxía, ao que acoden a recibir tratamento, sen necesidade de ingreso, ata que chegan a un bo control da súa enfermidade. A causa principal do mal control da asma é a falta de adhesión á medicación polo que resulta moi importante concienciar ao paciente sobre a necesidade de realizar o tratamento indicado de maneira regular para evitar que a asma pase de ser un proceso controlado a descontrolado.

Estes pacientes normalmente son derivados ao hospital de día tras padecer crises de asma que os levan a ingresar en urxencias ou no hospital. Os pacientes con asma grave non controlada son unha pequena porcentaxe dos pacientes (entre un 3 ou un 7,7% segundo diversos estudos) pero consumen ata un 50% dos recursos destinados a seu tratamento, sufrindo importantes consecuencias na súa vida laboral e calidade de vida.

A asma é unha enfermidade multifactorial que non se pode previr e na que participan moitos elementos, tanto relacionados coa persoa (xenética,comorbilidades), como coa súa contorna (exposición ambiental a irritantes, contaminantes ou alérxenos). Como todas as enfermidades crónicas, o más importante é manter un bo control e previr os ataques xa que máis da metade dos pacientes con asma non ten a súa enfermidade controlada.

Polo tanto a educación do paciente ten como obxectivo reforzar a alianza terapéutica, a adherencia á atención médica e as habilidades do paciente, incluído o autocontrol, para mellorar o manexo e control da asma, así como a calidade de vida. Desde un punto de vista práctico, a educación debe contemplar dúas grandes aspectos: transmisión de coñecementos e adquisición de habilidades e competencias.

As intervencións educativas non só se poden desenvolver no entorno clínico. As intervencións de autocuidado nas escolas, ou por parte de outros pacientes con asma, proporcionan un mellor control, unha redución delas exacerbacións e unha mellor calidade de vida. Ademais, poden influír positivamente en que os adolescentes non se inicien no hábito do tabaquismo e adiccións.

Precisamente co fin de axudar aos pacientes con asma a controlar mellor a súa enfermidade, Grupo de Traballo de Asma da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria (SOGAPAR) do que forman parte as responsables en Ourense, desenvolveron unha App de móbil chamado “Asmacontrol” de descarga gratuita que está a ter unha gran acollida entres os pacientes galegos, xa que poden rexistrar o seu tratamento, controlar o proceso da súa enfermidade, a utilización dos inhaladores ou resolver todas as dúbidas que lles poidan xurdir.

 

 

RECOMENDACIÓNS DE ESTILO DE VIDA SAUDABLE PARA O BO CONTROL DA ASMA

1. Acode de forma periódica ás consultas programadas co teu especialista e o teu médico de familia. Informaranche das características da asma, variabilidade dos síntomas e causantes e como recoñecelos. Ensinaranche un plan de acción personalizado para o bo control da túa asma.

2. Toma sempre a medicación que o teu profesional médico che prescríba e cumpre as súas indicacións: dose, frecuencia e duración pautadas. Non te automediques.

3. Crea o teu diario de asma. Recolle datos dos teus síntomas, tratamento e calquera axente que che pareza un causante dos teus brotes de asma. Dispós de aplicacións no teu móbil que che axudarán a realizar este diario: ASMACONTROL.

4. Trata precozmente os síntomas de asma cando aparezan. Utiliza o teu plan de acción persoalizado e consulta ao teu médico. Revisa periodicamente a túa técnica inhalatoria.

5. Utiliza correctamente os inhaladores. O único tratamento efectivo na asma é aquel que se inhala correctamente. Revisa periodicamente a túa técnica inhalatoria.

6. Non fumes e evita ambientes con fume.

7. Procura respirar aire limpo e libre de alérxenos.

8. Realiza deporte ou actividade física. Estar activo axudará a túa saúde.

9. Mantén hábitos alimentarios saudables. A obesidade é unha comorbilidade que pode conlevar un mal control da asma.

10. Fai prevención de infeccións respiratorias: lavado frecuente de mans, evita contactos con persoas con arrefriados ou outras infeccións respiratorias, evita amontoamentos durante as epidemias de virus respiratorios, vacínate da gripe.

Artigos relacionados

Back to top button