ConcellosO BarcoÚltima hora

Empresarios e asociacións de Valdeorras coñecen o proxecto de Igaxes para xoves tutelados

A presentación do programa, cunha sede no Barco, tiña lugar no Pazo do Castro por parte do director da ONG, Carlos Rosón

 

Iniciar un proxecto de vida en zonas non urbanas é complicado para calquera persoa nova, “pero a situación resulta aínda máis difícil cando falamos de mozos e mozas que saen do sistema de protección sen unha rede de seguridade detrás”, aseguran dende Igaxes, a ONG que traballa polos dereitos da infancia e a xuventude en situación vulnerable en Galicia e que vén de poñer en marcha na zona este e sur da provincia de Lugo e na zona norte da de Ourense, un novo programa para “brindarlles o apoio que precisan para que poidan construír un futuro”, con sedes en Chantada, Monforte e O Barco.

Para logralo é fundamental que eses xoves poidan atopar un emprego na área, por iso a propia ONG decidía acercarse ata o Barco de Valdeorras para presentar o programa aos empresarios así como ao tecido asociativo, deportivo e cultural da zona, “para que poidan coñecer o proxecto de primeira man e así propiciar a inserción laboral e o proxecto de vida da mocidade en risco de exclusión social, así como fixar poboación na zona”. O acto tiña lugar na noite deste venres 18 de marzo no decurso dunha cea no Pazo do Castro á que asistían en torno a 70 persoas interesadas na iniciativa.

 

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta e o director de Igaxes, no Pazo do Castro (O Barco).

 

Entre os asistentes estaba o alcalde do Barco, Alfredo García, o director da ONG, Carlos Rosón, mozos e mozas participantes que contaron a súa experiencia de primeira man e tamén o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta, Jacobo Rey Vázquez.

Tal como avanzan dende Igaxes, a ONG xa traballa na comarca de Valdeorras para “identificar oportunidades laborais que lles permitan a estes mozos e mozas quedar a vivir na zona. Ademais, para que poidan desenvolverse con plenitude, brindaráselles apoio residencial e formativo, adaptando sempre as súas preferencias ás necesidades da poboación local”, indican, adiantando que tamén se fomentará que “estes mozos e mozas xeren vínculos coas persoas que habitan o territorio”.

 

O director de Igaxes Carlos Rosón, presentando o programa./ Foto cedida.

 

“Moitos destes mozos e mozas carecen dunha persoa maior na que confiar”, aseguran dende Igaxes que leva anos desenvolvendo o Proxecto Referentes para que teñan a alguén ao seu carón que os apoie. “Agora, este programa de voluntariado tamén se implementará para que os mozos e mozas de Valdeorras poidan xerar vínculos fortes e duradeiros no seu lugar de residencia”.

O proxecto conta coa financiación da Unión Europea e da Xunta e dende o Goberno galego, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica destaca o feito de tratarse dun proxecto pioneiro en Galicia. “Nunca se fixera algo parecido nun territorio así e eliximos estas zonas porque dende o ámbito demográfico son prioritarias, sendo necesario fixar poboación, dar oportunidades laborais e sobre todo aproveitar as potencialidades que teñen”. Antes de reunirse cos asistentes á presentación, Rey Vázquez adiantaba que o fin principal da iniciativa é intentar casar diferentes intereses en favor dun ben común: “intereses das empresas da zona que a menudo precisan traballadores para un determinado perfil que non atopan; e ao mesmo tempo nós temos xoves que residen aquí ou poden vir a residir aquí que queren unha primeira oportunidade ou que se queren reinsertar profesionalmente e non coñecen esas oportunidades”.

 

Asistentes á cea-presentación, no Pazo do Castro./ Foto cedida.

 

Nun principio o obxectivo do programa son os xoves non tutelados que poidan residir nestes concellos pero iso non implica que non poidan amplialo a xoves doutras zonas no caso de atopar perfís idóneos para as empresas demandantes. No caso de Valdeorras ábrense oportunidades en sectores moi dispersos (lousa, viticultura, hostelería,…). “Hai vida máis alá das sete cidades galegas e se realmente queremos apostar polo rural temos que actuar sobre o terreo que é o forte deste proxecto”, dixo Jacobo. Un proxecto pensado para xoves que están dentro do sistema de protección (en situación de desamparo que non poden vivir coas súas familias que, ou ben residen en centros de protección autonómica ata a maioría de idade ou tamén en situación de acollemento familiar) e a tamén ex tutelados e mesmo xoves e risco de exclusión.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button