ConcellosÚltima hora

Encontro dos alcaldes da Ribeira Sacra co conselleiro de Cultura en funcións sobre a candidatura a Patrimonio Mundial

"Paisaxe da auga: Ribeira Sacra" será a proposta de España no Comité de Patrimonio Mundial da Unesco en 2026 tras a aprobación do Consello do Patrimonio Histórico

 

Esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, mantiña un encontro con alcaldes e representantes dos concellos que forman o territorio da Ribeira Sacra cos que compartiu os seguintes pasos da candidatura “Paisaxe da auga: Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial” tras a decisión unánime do Consello do Patrimonio Histórico de que sexa a proposta de España para a súa remisión a Unesco.

No encontro, Román Rodríguez agradecía a confianza e a implicación de todos os axentes locais, aos que animou a continuar avanzando “de xeito conxunto e coordinado” cun horizonte claro: acadar o máximo recoñecemento da Unesco. “Todos debemos estar orgulloso do que levamos feito porque o resultado deste anos é que a Ribeira Sacra é hoxe un territorio máis vivo, máis coidado e máis recoñecido”, aseguraba.

Neste senso, explicou que, tras a aprobación do Consello de Patrimonio Histórico, a candidatura da Ribeira Sacra entra nunha nova fase na que é preciso seguir traballando “e facendo as cousas ben como ata agora para lograr a inclusión la Lista de Patrimonio da Humanidade”. “A decisión tomada polo órgano de coordinación do Goberno e as comunidades autónomas é unha moi boa nova para Galicia porque sitúa a Ribeira Sacra de novo na fase final, pero temos por diante meses de moito traballo ata que en 2026 a proposta poida ser abordada no Comité do Patrimonio Mundial da Unesco”, engadiu.

 

 

No marco desta reunión, o conselleiro Román Rodríguez tamén felicitou a todos os técnicos e expertos implicados na redacción do expediente, así como aos representantes de concellos, deputacións, entidades implicadas, tecido social e empresarial e veciños “polo intenso traballo feito desde o ano 2021 para poñer en valor e protexer este territorio do sur da provincia de Lugo e o norte da provincia de Ourense”.

O acto tamén contaba coa asistencia do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen agradeceu o “excelente traballo desenvolvido polos responsables desta candidatura”, permitindo así profundar no excepcional valor deste enclave único. Amosou tamén a súa confianza en que nesta ocasión acadarase o obxectivo, lembrando algúns dos pasos que se foron dando en firme.

A provincia de Ourense precisa destas oportunidades, argumentaba Menor, sinalando que ter unha parte do territorio baixo a distinción de Patrimonio da Humanidade constituiría unha enorme vantaxe competitiva. “Teríamos a oportunidade de ofrecerlle ao visitante un atractivo de primeira orde que sumar, por exemplo, a recursos singulares da nosa terra como o termalismo. Un atractivo máis que poríamos á disposición do viaxeiro a pouco máis de dúas de Madrid grazas ao AVE, un medio do que aínda temos que explotar todas as súas potencialidades”.

Avanzou Luis Menor o gran reto a partires de agora: “Conservar eses valores naturais, culturais, sociais e patrimoniais que conforman a Ribeira Sacra. Un reto no que temos que traballar todas as administracións e entidades implicadas para sentar as bases dunha explotación turística sustentable que nos converterá nun destino máis forte e sólido fronte ás explotacións masivas”. Como segundo paso dese reto, o presidente provincial recalcou a necesidade de “darlle pulo á colaboración público-privada”

Tras a decisión tomada no encontro celebrado na illa da Palma, ábrese unha nova fase de traballo na que, ao longo do ano, o equipo técnico redactor, en colaboración co Ministerio de Cultura, deberán completar o expediente desde o punto de vista formal co fin de cumprir coas directrices operativas da Unesco.

Posteriormente, o informe será presentado no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco de París en febreiro de 2025, onde será avaliado polos órganos consultivos antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico, que ten prevista a súa sesión para o segundo semestre do ano 2026.

Artigos relacionados

Back to top button