EntrevistasÚltima hora

“Estamos poñendo a técnica teatral ao servizo da cultura vivencial dun pobo”

José Luis García Alejandre “Alex”, director da Compañía del Canal Teatro e de orixe valdeorresa, leva a dirección de “Polos camiños do tempo”, peza que volverá a representarse o día 15 no Barco

 

José Luis García Alejandre “Álex”, director de “Polos camiños do tempo. Percorrido teatral pola historia do Barco e Viloira”./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Despois de quince anos dirixindo rutas teatralizadas no Bierzo, José Luis García Alejandre “Alex” (Ponferrada, 1964) recibía hai apenas unha proposta para participar nun espectáculo deste tipo pero polas rúas do Barco. Ademais do reto teatral a iniciativa supoñía para el a posibilidade de retomar o vínculo coa comarca dos seus pais, coas súas orixes.

Aceptaba de inmediato e poñíase a mans á obra para facer realidade o proxecto de “Polos camiños do tempo. Percorrido teatral pola historia do Barco e Viloira”, partindo do texto de Gustavo Docampo e da interpretación dos actores de Gargallada Teatro. Apenas un ano despois, este proxecto escénico estreábase con éxito polas rúas do casco antigo do Barco e de Viloira na tarde do 8 de setembro. Haberá unha nova oportunidade de vela o vindeiro 15 de setembro ás 19h. dende a praza Maior barquense.

Tras a estrea de “Polos camiños do tempo” e de ver a resposta do público, ¿que sensación ten?

Non podo ter mellores sensacións despois dunha estrea que ten significado o encaixe dunha maneira preciosa de todo o traballo realizado ata agora. Todo o esforzo das actrices e dos actores, o labor que fixeron para dar vida a un texto tan rico. Tras este tempo e o traballo realizado, chega a dúbida ¿como vai a recibir o público isto? Ao comprobar que o público o recibiu dunha maneira tan cálida, só podemos estar contentos. Eu, persoalmente, vin que todo o que intentei aportar ten sido recollido e multiplicado nun traballo moi positivo.

 

Álex, co elenco de actores de Gargallada Teatro que participan neste percorrido teatral./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Leva xa moitos anos dirixindo rutas teatralizadas no Bierzo, ¿que ten de singular ou de especial este proxecto no Barco?

Parécense moito, a esencia é a mesma. A xente que habita o propio pobo amosa ese espazo cunha técnica teatral que pode ser elaboradísima, si, pero sempre ao servizo de achegarlle aos veciños e visitantes a historia da cidade que eles mesmos habitan e, entón, prodúcese unha maxia de intercambio. En cada lugar que fixeramos este tipo de representación variarían os personaxes, os decorados, son outras historias… Sen embargo, a esencia de transmitir sempre é a mesma. É xente que habita ese mesmo lugar quen transmite esa historia. Mañá podería vir o mellor grupo de teatro a intentar facer isto aquí e non sería o mesmo. Tecnicamente Gargallada está a un nivel moi elevado, pero iso é tan importante como que son de aquí, viven o que están contando e tamén tiveron que investigar sobre o que contan. Son detalles que quizas parecen pequeniños, pero que calan na xente. Estamos falando de poñer a técnica teatral ao servizo de algo moito máis grande, da cultura con maiúsculas, non da cultura intelectual senón da cultura que forma un pobo, a vivencial. Estou seguro que o vindeiro venres 15 de setembro virán moitas persoas que xa estiveron na estrea.

A obra contén sete escenas, con personaxes distintos, saltos no tempo cara adiante e cara atrás, cambios de escenarios, ¿como se consegue manter o ritmo ao longo de toda a función, tendo en conta que hai paróns nos que os espectadores se desprazan?

Non só é teatro na rúa, é, como dicía, amosar a historia do teu entorno ao público que acude a ver unha interpretación pero tamén a recibir un coñecemento que contrasta con cousas que eles xa saben. Realizar iso no decurso dun espazo, que pode ser 1 quilómetro, con escenarios que varían, con paradas, cuns comezos… era sen dúbida o gran reto ao que nos enfrontábamos, o que nos rompía a cabeza dende un principio. Nunha sala ter ao público concentrado é o obxectivo principal e ter ao público concentrado na rúa e en escenarios diferentes dábanos moito medo. Sen embargo, comprobar que tras a acabar a función o público tería continuado máis tempo para nós ten sido a confirmación de que o fixemos ben. O noso traballo era tratar de darlle un ritmo a todo iso e creo que o conseguimos porque a xente foi con ganas do Barco ata Viloira e disposta a máis.

 

O director durante a estrea de “Polos camiños do tempo”, o pasado venres 8 de setembro./ Foto. Ángeles Rodríguez.

 

Na obra participa un elenco de oito actores de Gargallada que dobran papeis, ¿o número era o axeitado?

Ao meu entender non importa dobrar papeis, o máis interesante é que o grupo estea cohesionado. Para min esta compañía ten resultado un descubrimento fantástico posto que traballa dunha maneira moi seria, moi intensa e moi xenerosa por iso para min ten sido unha experiencia preciosa poder compartir con eles o que aportei. Penso que foi o número perfecto de actores e, sobre todo, a súa disposición. Antes preguntábasme sobre o ritmo, iso conseguímolo nos ensaios de sala, así como na rúa. Probas, probas de novo e volves a probar e ata o día da estrea é case como se non soubesemos nada… Tan só podía dicirlles que todo o traballado estaba ata a estrea no aire, ata que rematásemos non iamos poder concretar se a representación tiña sido boa ou mala. ¡E na estrea iso funcionou! ¡É maxia absoluta!

A participación neste proxecto ten suposto recuperar, a través do teatro, o seu contacto con Valdeorras, comarcada que é orixinaria a súa familia…

Si, é o primeiro proxecto teatral que fago aquí e emocionoume moitísimo cando Gustavo [Docampo] moi propuxo. E, segundo ía desenvolvéndose, íame emocionando moito máis porque todos os veráns da miña infancia paseinos en Éntoma (O Barco). O meu pai é de Éntoma e a miña nai naceu na Veiga de Cascallá e eu viña aquí e vivir todo isto para min resulta moi cercano. E o feito de estar aquí durante a estrea supón regresar ás miñas orixes. Romper culturalmente esa fronteira que existe entre Valdeorras e O Bierzo é para min moi, moi importante. Considero a Valdeorras e ao Bierzo unha soa entidade cultural. Cando veño de Ponferrada, paso os túneles, vexo Vilardesilva e non noto un tránisto porque non existe en realidade. E romper iso traballando é moi importante.

Texto: Ángeles Rodríguez.

 

Máis información:
https://osil.info/unha-divertida-viaxe-teatral-pola-historia-barco-viloira/
https://osil.info/barco-propon-percorrido-pola-historia-traves-teatro-preambulo-das-festas-cristo/

Artigos relacionados

Back to top button