OurenseÚltima hora

Expourense presenta en FITUR as súas Feiras Internacionais de Turismo para 2022 marcadas pola Alta Velocidade e o Xacobeo

Autoridades galegas na presentación de Expourense e da cidade Ourense en FITUR.

 

Expourense acudiu un ano máis a FITUR Madrid para presentar Xantar e Termatalia, dúas das cinco feiras internacionais de turismo recoñecidas polo Goberno de España (xunto á propia Fitur, Intur Valladolid e B-Travel Barcelona). Dúas citas que poñerán en marcha distintas accións profesionais enmarcadas no dobre Ano Santo Xacobeo 2021-2022 e será a primeira edición que se celebre tras a chegada da Alta Velocidade a Galicia, o que facilitará a presenza de expositores e visitantes internacionais ao situarse Ourense a 2 horas e 15 minutos de Madrid.

A presentación de ambas as feiras, unha celebrada a continuación da outra, tivo lugar esta tarde na caseta de Turismo de Galicia en FITUR. Ambas as presentacións correron a cargo do director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, que estivo acompañado por distintos representantes involucrados nos respectivos sectores da feira: turismo termal e turismo enogastronómico.

Tras tres anos sen celebrarse por culpa da pandemia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, Termatalia, anunciou que neste 2022 volverá celebrarse como feira completa e presencial como viña facendo ata 2019, ano da última edición. Celebrarase do 29 ao 30 de setembro e volverá xirar sobre a capacitación profesional, o negocio e o capital relacional. O obxectivo, converterse no gran punto de reencontro da comunidade termal congregando a profesionais dunha trintena de países e que esta feira supoña un regreso á “normalidade”, unha normalidade que será extraordinaria porque, xa que durante a última semana de setembro de 2022, Ourense converterase no epicentro mundial do termalismo. Neses días, a provincia acollerá catros grandes eventos, paralelos e complementarios, que posicionarán a Ourense como a gran referencia internacional no turismo de saúde.

Con respecto a Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, presentou en FITUR a súa 23ª edición que estará marcada pola chegada da conexión da Alta Velocidade, o que converte a esta cita nunha motivación turística en se mesma. O obxectivo será animar aos destinos do “eixo AVE” desde Madrid a promocionarse en Xantar e tamén a promocionar a feira alí para atraer potenciais visitantes. Celebrarase entre o 9 e o 13 de novembro, un mes especial para a cidade e provincia coa celebración do San Martiño e os Magostos, que é unha época idónea para gozar de Ourense. A prorrogación do Ano Santo Xacobeo volverá ser o fío condutor dándolle protagonismo á Gastronomía dos Camiños.

 

O alcalde de Ourense Gonzalo Pérez Jácome en FITUR.

 

“Ourense, corazón do Camiño”

No mesmo stand, o alcalde de Ourense Gonzalo Pérez Jácome presentaba á cidade das Burgas, destacando as “excelencias” da súa oferta turística nun contexto histórico: “este é o primeiro ano que temos AVE e esperamos que sexa un punto de partida cara arriba”, afirmou.

Pérez Jácome puxo en valor que Ourense é a primeira e a única parada do tren de alta velocidade en Galicia, polo que esta nova infraestrutura, que deixa a cidade a apenas 2 horas e 15 minutos de Madrid, pode contribuír decisivamente a atraer visitantes procedentes de Madrid e Castela como destino perfecto para desfrutar duns días de lecer.

“Ourense é a escapada galega, isto é o que queremos promocionar, explicou o alcalde, quen incidiu no potencial de recursos turísticos como a gastronomía, o Entroido: “o mellor de todo o Norte de España”, que se celebrará a finais do mes de febreiro, a Ribeira Sacra, tan próxima á cidade, o patrimonio histórico e artístico, lembrando que Ourense é a segunda provincia de España en arte románico, ou a riqueza termal. “Ourense é a cidade sorpresa. Non é a cidade máis famosa, pero sí a que máis sorprende, e o AVE é a nosa grande oportunidade”, concluiu o rexedor.

 

Artigos relacionados

Back to top button