Malia ser un deporte de contacto sobre patíns co risco que iso implica, o roller derby aporta unha serie de valores que o fan aínda máis atractivo, como a igualdade no máis amplo sentido da palabra e tamén a variedade. Iso, xunto á paixón pola patinaxe foi precisamente o que acabou de enganchar a este deporte á ruesa Amparo Rodicio Quiroga.
Primeiro en León e despois en Vigo onde vive actualmente, esta xove forma parte do equipo Sereas Bravas da cidade olívica e con el, participa en campionatos e partidos por toda España (encontros que os propios equipos organizan xa que se trata dun deporte autoxestionado). O próximo, será en Barcelona o 27 de outubro, pero antes facían parada en casa, na Rúa, para celebrar dúas xornadas centradas no roller derby.
Onte, adestraron a porta pechada no pavillón de deportes da localidade e hoxe abrían as portas á poboación. Pola mañá adestrando e pola tarde cun partido entre dous equipos formados por xodores (mulleres e homes) de diferentes clubs (de Ourense, Vigo, Madrid, Salamanca e León).
Antes de comezar o partido, a propia Amparo explicou ao público asistente as claves deste deporte minoritario que malia contar unicamente con 40 equipos en toda España, “en Galicia temos varios: dous en Ourense, dous en Vigo, na Coruña e en Pontevedra, co cal este ano poderemos formar unha liga que comezará proximamente”, dixo. Despois de dar unhas pautas para poder seguir o encontro (xógase sobre patíns tradicionais ao rededor dunha pista, e consiste nun partido de dous tempos de trinta minutos cada un, onde dous equipos compiten entre si co obxectivo de anotar máis puntos que o contrario), comezaba o encontro.
Nun equipo (Godello) os xodadores de branco, e no outro (Mencía) os de negro, con con varios árbitros sobre o terreo de xogo. En terras de bo viño, o nome dos equipos estivo moi acertado, comezando a anotar cunha diferenza considerable, o equipo branco, aínda que finalmente eran os negros os que vencían por 166-150
Fotos; Mónica G. Bellver.