ConcellosEn portadaGalerías de fotosRibas de SilÚltima horaVídeos

Luis Francisco López: “Esta zona do río Sil é unha das máis importantes de minaría aurífera no Imperio romano”

Así o destacaba este doutor en arqueoloxía no seu pregón na XIX Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite en Ribas de Sil

 

“Os nosos produtos deben seguirse ensalzándose, como facemos hoxe aquí, avanzando nas novas ideas, pero sen perder de vista o noso pasado, a tradición, as nosas raíces. Pretendo seguir estudando o noso pasado para poder mellorar o noso futuro, viva esta terra e vivan os nosos produtos”. Como arqueólogo, pero sobre todo como veciño de Torbeo, falaba no seu pregón da XIX Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil o investigador Luis Francisco López González neste mediodía na praia fluvial de San Clodio.

 

 

O pregoeiro tomaba a palabra pasadas as 13h. deste domingo 11 de xuño, tras ser presentado polo alcalde en funcións de Ribas de Sl, Miguel Sotuela, quen destacaba a “longa traxectoria en investigación” e o amplo curriculo de López González, doutor en Arqueoloxía e Prehistoria pola Universidade Complutense de Madrid. Ademais resaltaba a súa vinculación tanto persoal como profesional con este municipio. “Non é a primeira vez que o temos en San Clodio, hai xa uns 20 anos fixemos unhas xornadas sobre a mineria romana en Ribas de Sil e un dos ponente principais foi el. E, a partir de aí empezamos a traballar o tema da minería”.

 

O alcalde en funcións de Ribas de Sil, na súa intervención.

 

A continuación o pregoeiro agradecía a invitación do Concello para este acto, “por darme esta visibilidade, para min é un momento moi importante”. Empezaba falando de Torbeo, a súa aldea, “porque para min é a base de todo. A miña raíz está aí arriba, aí comezou o concello de Ribas de Sil, son o neto maior do Purrelo, un home moi versátil, que tanto tiña un bar como era ferreiro como era aprendiz da bruxa de Torbeo”. E amosaba o seu agradecemento á súa mai, “a Milucha, a filla primeira dos Purelo, que me trouxo todos os veráns da miña vida a Torbeo, onde grazas a ela mamei estes sabores, estes olores, que sigo recordando cada vez que veño aquí, porque nunca deixei de facelo, e cada vez que paso Rairos retrotráenme a eses momentos do pasado”.

Confesaba ademais que era en Torbeo onde espertaba a súa paixón por coñecer o pasado. “Xa dende pequeniño escoitaba aos moi moi maiores, moitos deles hoxe desaparecidos, e iso deume sentido e empuxoume a saber de onde son e cal é a miña raíz”. E contaba como, de maior, “xa cando estaba fóra e na facultade decidín facer un traballo sobre esta terra, sobre o ciclo anual en Torbeo para o cal falei con numerosas persoase que me contaron multitude de detalles”.

 

O pregoeiro da XIX Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite.

 

Destacaba que “nunca deixei de estudar esta terra, o meu traballo de licenciatura versou sobre a minaría romana, o impacto prerromano e do mundo romano tanto na zona do Courel como no val de Quiroga, dende Montefurado á Cubela” e, “recentemente, e grazas á pandemia, decidín facer a tese doutoral, onde xa collín toda esta zona do sur e nela deixo constancia da riqueza patrimonial de todo este territorio. Nunca deixei de facer patria deste sitio e da súa riqueza, vou amosando onde vou de onde son e que é este territorio”.

Ademais resaltaba a relevancia do Sil, un río onde se bañou dende meniño e que sempre lle chamou a atención. “O Sil é un río que segue levando moito ouro e que para os romanos constituíu unha das zonas máis importantes de minaría aurífera de todo o Imperio romano, que transformou todo este territorio”.

 

 

Tras a lectura do pregón, o alcalde en funcións de Ribas de Sil, entregáballe como agasallo unha reprodución da ponte de ferro de San Clodio, obra da artesá Chus. E ante o presidente da Deputación de Lugo en funcións, José Tomé, un dos representantes políticos asistentes ao pregón, comentaba o proxecto de crear un pantalán na Cubela, e pedíalle que cando este proxecto chegase á Deputación provincial, “o miren con agarimo”.

 

 

Despois do acto, numerosas persoas percorrían os diversos expositores do recinto feiral, tanto de cereixas, de aceite e de viño, como doutros produtos da terra como licores, mel, marmeladas, doces, pan, empanadas ou queixos. Tampouco faltaban os postos de artesanía ou mesmo de libros. O ambiente estaba animado pola charanga KM0.

 

 

O programa da XIX Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite continuará esta tarde coa presentación, ás 17h. do libro Historias do Concello de Ribas de Sil do profesor Manuel Cao Rodríguez, no salón dea ctos. Despois, volverá tocar a charanga KM0 e ás 20h. actuará o grupo de baile de San Clodio e Quiroga.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button