ConcellosÚltima horaVilariño de Conso

Máis de 273.000 euros para ampliar a mellorar as vías de Vilariño de Conso

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Melisa Macía, asinaron esta semana un convenio de colaboración para cofinanciar a obra

 

O Concello de Vilariño de Conso e a Xunta colaborarán na mellora da intersección da rúa do Souto coa praza da Vila, tal e como establece o acordo subscrito esta semana pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía.

Esta actuación urbanística ten como obxectivo acondicionar e mellorar a intersección, vías e instalacións da área. As obras disporán dun investimento total de máis de 273.000 euros, do que a Xunta achegará o 70% e o concello, o 30%.

Así, a través do convenio de colaboración asinado, levarase a cabo a construción dun muro de contención de formigón e doutro de pedra, o deseño dunha rotonda, unha ampliación das vías e o saneamento das pluviais.

 

 

As tarefas de reforma acometeranse ao abeiro do plan Hurbe, un programa que este ano conta cun orzamento reservado de 7 millóns de euros e que o Goberno galego promove desde hai máis dunha década para axudar ás administracións locais a executar este tipo de proxectos.

“Este plan reflicte o compromiso da Xunta á hora de ofrecer o seu apoio ás entidades locais e promover actuacións que, na liña do acondicionamento previsto para Vilariño de Conso, contribúen a dinamizar as vilas galegas por medio da mellora dos seus equipamentos e servizos públicos”, tal e como sinala a Xunta.

Artigos relacionados

Back to top button