O vindeiro venres 25 de xuño as rúas de Allariz encheranse de animación até ben entrada a noite. Concretamente até a medianoite. Máis dunha trintena de comercios ampliarán o seu horario comercial no marco da Noite Meiga, que promete descontos, sorteos, animación e actividades para nenos entre as 20 e as 24 horas.
Tendas de roupa e calzado, hostaleiros e outros servizos ofrecerán descontos de até un 50% a todos aqueles que decidan animarse a mercar na vila en horarios pouco frecuentes. Ademais, ao ser o primeiro venres do verán, os veciños poderán desfrutar dunha noite de compras no comercio local con maiores expectativas de que o tempo acompañe.
Segundo explicou a concelleira Cristina Cid, o obxectivo desta iniciativa é “dinamizar a vila dando a coñecer a oferta comercial e hostaleira”. O evento tamén conta coa colaboración da Asociación de Comerciantes e Hostaleiros de Allariz, que ofrecerán agasallos aos clientes a través dos sorteos de máis de 25 produtos e unha viaxe a Londres para todos aqueles que fagan as súas compras na Noite Meiga. Os hostaleiros ofrecerán petiscos meigos a prezos reducidos.
A programación contemplará tamén a apertura de museos en horario nocturno e a realización dun flashmob por parte dos alumnos dunha escola de baile local.