A Ruta do Viño de Valdeorras promove a celebración da III edición do seu BTT, que terá lugar o próximo 22 de outubro. Esta proba non competitiva, concibida para contribuír a dinamizar turisticamente a comarca e divulgar o seu potencial vitivinícola, á vez que se promociona a práctica deportiva, partirá este ano desde O Aguillón da Rúa.
Ata a data inscribíronse xa 42 persoas para participar na BTT. O prazo para anotarse continuará aberto na web sportmaniacs.com (III BTT Roteiro do Viño de Valdeorras). Neste sentido, a organización da proba lembra que para os 75 primeiros que se apunten á iniciativa estableceuse un prezo especial de inscrición de 20 euros. A partir de aí, o custo por tomar parte na BTT será de 29 euros.
A iniciativa conta co respaldo de diferentes entidades como o Concello da Rúa, a Axencia Turismo de Galicia, o Consello Regulador da D.O. Valdeorras ou a empresa de servizos turísticos Xanzá e conseguiu convocar a máis de 260 persoas nas súas dúas primeiras convocatorias. Na súa primeira edición en 2021, participaron 150 ciclistas e o ano pasado a cifra foi lixeiramente inferior (115) debido ás condicións meteorolóxicas adversas que se rexistraron o día da proba.
Con todo, o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, confía en que este ano se incremente o número de participantes, dado que a iniciativa presentouse, nesta ocasión, con moita antelación para conseguir un maior impacto da convocatoria en medios e redes que favoreza a afluencia de ciclistas. A finalidade última deste evento, tal e como lembra o propio Sánchez, é a de poñer en valor a comarca de Valdeorras “como destino enoturístico de primeira orde dentro de Galicia”.