PolíticaÚltima hora

María Albert (BNG) reclama no Parlamento galego un novo plan sectorial eólico que exclúa as zonas de alto nivel ambiental

Indicaba que os 5 proxectos eólicos previstos afectan principalmente a Valdeorras pero tamén ás comarcas de Quiroga, Terras de Trives e Terras de Caldelas

A deputada valdeorresa do BNG no Parlamento galega, María Albert.

 

A parlamentaria valdeorresa do BNG, María Albert, lamenta o voto desfavorable do PP á proposición non de lei nacionalista que reclamaba “a paralización dos cinco proxectos eólicos de Avintia, incluídos na ampliación da Rede Natura”.

Na defensa da iniciativa, a deputada reiterou a postura do BNG a respecto das enerxías renovables e a progresiva descarbonización e lembrou que o BNG dende o goberno da Xunta liderou “o impulso eólico baseado nun modelo respectuoso co medio ambiente, adaptado ás necesidades enerxéticas e priorizando o retorno económico e social en Galiza”.

A nacionalista recalcou que é preciso un cambio de modelo e “un novo plan sectorial eólico que exclúa realmente as zonas de alto valor ambiental” e con garantías de participación pública dos beneficios do sector.

Albert explicou que os cinco proxectos eólicos afectan principalmente a Valdeorras pero tamén ás comarcas de Quiroga, Terras de Trives e Terras de Caldelas e advertiu que a pesar do intento da empresa de fragmentalos en cinco proxectos, a dimensión, a proximidade das instalacións e territorio que abarcan responde a un único proxecto ,a un “megaproxecto”.

A deputada lembrou que no mes de novembro de 2020, o Tribunal Superior de Xustiza anulou a autorización da Xunta por detectar una división “artificial” para suavizar a súa avaliación ambiental” no parque eólico de Sasdónigas en Lugo.

Neste sentido sinalou que problema non é a enerxía eólica é “o xeito no que se están a realizar os proxectos de maneira masiva, non planificada e a grande escala afectando a zonas de grande valor ecolóxico e medioambiental”.

María Albert remarcou que o BNG apostou polo desenvolvemento eólico. “Un desenvolvemento racional e fixado no país” pero neste momento, alertou vivimos un “descontrol eólico” no que priman “os intereses das eléctricas” usando un marco legal obsoleto, cunha planificación de 1997, sen garantir tratos xustos aos propietarios das terras, sen negociación e sen protexer as áreas de valor ambiental, concluíu.

Artigos relacionados

Back to top button