ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Montefurado, símbolo da minería aurífera romana, eixo temático dunha xornada en Quiroga

Desenvolvíase neste 21 de outubro con relatorios na Casa da Cultura de Quiroga e cunha ruta guiada pola contorna de Montefurado

 

Dende unha perspectiva xeoarqueolóxica analizábase o túnel romano de Montefurado na xornada “Montañas do Courel, un xeoparque de ouro”, que se celebraba neste 21 de outubro en Quiroga. O programa iniciábase ás 11h. cunha serie de relatorios na Casa da Cultura de Quiroga coa asistencia de medio cento de persoas.

 

 

Entre os ponentes estaba Javier Sánchez-Palencia, do Instituto de Historia do CSIC (Centro Superior de Investigacións Científicas), quen abordaba o ouro de Asturica, de Gallaecia e de Lusitania. Por outra banda, o xeólogo Daniel Ballesteros (do Xeoparque Montañas do Courel) expoñía o relatorio “Montefurado unha historia xeolóxica de romanos e peregrinos”.

 

 

 

 

Finalmente, Brais X. Currás, do Instituto de Historia-CSIC, daba a coñecer as últimas investigacións sobre a minaría romana do ouro relativas a este Montefurado e a outro “Montefurados”. Comezaba abordando as primeiras referencias históricas sobre este túnel quirogués, “coñecido como Montefurado dende o século XVI, pero tamén se coñece como o topónimo da Boca do Monte”. Ademais destacaba o papel que tivo o xeólogo hispano-alemán Guillermo Schultz na divulgación deste enclave mineiro. “Nos comezos do século XIX senta as bases do relato de que é unha obra romana para o aproveitamento do ouro e isto vaise xeralizar e dar a coñecer a través da prensa da época, que comezaba a consolidarse como medio de masas”.

 

 

Esa difusión na prensa impulsábase especialmente, destacaba Currás, entre o último cuarto do século XIX e o primeiro terzo do XX, no que se presenta este túnel “como algo extraordinario na entrada a Galicia”, xa que podía verse dende o ferrocarril. Este investigador tamén expoñía a historia industrial asociada a Montefurado, mencionando os intentos que houbo de recuperar a explotación do río Sil, un deles por parte dunha compañía británica na primeira década do século pasado. E contaba tamén como unha crecida en novembro de 1934 provocaba o colapso de Montefurado.

 

 

A partir de aí centrábase na función deste túnel de época romana, apoiándose nunha reconstrución do mesmo. “O sistema era simplea, abríase un túnel na rocha deixando o leito orixinal do río en seco. A idea fundamental é que se pode aproveitar o Sil para traballar todas as areas depositadas no antigo leito do río, algo que podería facerse cun simple bateo ou de forma intensiva”. Así, no inverno cando “o río leva máis forza ten máis capacidade erosiva e arrastra o ouro, entón no verán pechábano para ir recuperándoo”. E para isto tiña que haber “un sistema de peche”, engadía Brais X. Currás.

 

 

Porén, o túnel de Montefurado non era algo illada, senón que é un elemento máis dunha explotación intensa na procura de ouro neste territorio. “E isto é tamén o que nos permite supoñer que é romano, xa que é imposible poder datar o túnel como tal”. Nese aspecto, continuaba este investigador, tamén axudaba o feito de que hai outros “Montefurados” mesmo en Galicia, nun dos cales puido facerse unha datación que dá cronoloxía romana.

 

 

Saída de campo na contorna de Montefurado

O programa desta xornada completábase pola tarde cunha ruta guiada polos tres ponentes pola contorna de Montefurado. Así visitábase a entrada da localidade, asentada sobre unha antiga mina aurífera, para ver detalles como os depósitos de onde se extraía o ouro así como outros elementos de interese deste núcleo de poboación.

 

 

Despois, visitábase o miradoiro de Anguieiros, que ofrece unha vista tanto da parte posterior do túnel como doutras explotacións mineiras próximas.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella, agás a primeira foto da galería que é cedida.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button