CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

O Barco celebrará as Letras Galegas resaltando o vencello entre Fernández del Riego e Delgado Gurriarán

A concelleira de Cultura vén de presentar un completo progama con actividades para todas as idades

 

Teatro, música, maratón de lectura, conferencias, obradoiros, concursos… Cun amplo e variado abano de propostas celebrará O Barco ao longo de case unha semana as Letras Galegas neste 2023. “Logo do sabor doce que nos deixou o 2022 en Valdeorras co recoñecemento a Florencio Delgado Gurriarán e aínda con esa festa rachada en Córgomo na retina, non temos que dicirlle adeus a este autor. Cústanos deixalo atrás e xa que a relación entre Francisco Fernández del Riego e Delgado Gurriarán era bastante estreita quixemos facer fincapé neses lazos que unen aos dous escritores”, resaltaba a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta na presentación do programa desta festa da cultura galega.

Neste senso, continuaba, as actividades van ter dous eixos importantes: “a exaltación da figura de Francisco Fernández del Riego e a exaltación da lingua e literatura galega. Nós entendemos que todos os días deben ser o das Letras Galegas e así o reflexamos na programación do Concello do Barco, o 94% da cal é en galego”.

Entre os actos previstos tamén figuran o Maratón de Lectura (en colaboración con Vagalume) para o que será preciso inscribirse previamente (na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán), unha Semana de Cine en Galego (co CC. Groucho Marx), a conferencia “Florencio, Don Paco e Galaxia: A distancia non foi o esquecemento” da man de Ricardo Gurriarán e Ramón Nicolás, etc.

Como principais novidades, Margarida Pizcueta destacaba o “Concerto das Letras” a cargo do Conservatorio e da Escola de Música do Barco, unha exposición e obradoiro infantil de xoguetes (con inscrición previa na biblioteca municipal) “co que tamén lle damos protagonismo á tradición”, unha liberación de libros en colaboración co Barco Centro Comercial Aberto (CCA) e o concurso escolar “Don Paco en Liña”.

 

 

Con respecto á liberación de libros, a concelleira de Cultura explicaba que consistirá na solta de 400 libros doados pola administración galega e provincial, así como do Concello do Barco, que se “vai levar a cabo de xeito moi atípico durante dous días, o 16 (no comercio) e 17 de maio (na hostalaría), co apoio do CCA, entidade á que agradecemos a súa colaboración. A unha hora determinada, que só coñecen os interesados, as persoas que estean no interior dos establecementos serán agasallados cun libro”.

Así mesmo, destacaba a iniciativa do concurso de poscast para os centros de ensino do Barco “Don Paco en Liña”. “O alumnado pode gravar un podcast e optará a premios, entre eles unha viaxe a Lourenzá. Os premios entregaranse nunha gala fixada para o 18 de maio.

Margarida Pizcueta incidía no interese por vincular aos dous autores homenaxeados nas Letras Galegas do 2022 e 2023, e nesta liña, lembraba a viaxe realizada por representantes valdeorreses a Lourenzá, lugar de nacemento de Francisco Fernández del Riego, o pasado mes de xaneiro para pasarlle o relevo desta celebración.

Bases do Concurso de poscast “Don Paco en liña”

Artigos relacionados

Back to top button