ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco, entre os 32 concellos galegos que convocan prazas de auxiliar de Policía Local

O Consello da Xunta daba luz verde á orde coas bases reguladoras da oposición por quenda libre que permitirá a contratación das persoas que superen as probas en réxime laboral temporal ou para formar parte da listaxe de reserva

Vehículo da Policía Local do Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Esta mañá o Consello da Xunta de Galicia daba o visto e prace á convocatoria do proceso selectivo unitario que permitirá cubrir 127 prazas de auxiliar de policía local en 32 concellos galegos, entre eles o do Barco. Trátase dun procedemento de oposición por quenda libre, de maneira que as persoas que o superen serán contratadas en réxime laboral temporal nalgún dos concellos que convocan os postos ou formarán parte da listaxe de reserva, no caso de non obter o posto, ou con dereito ao que non elixiron ou aceptaron.

O proceso consta de tres probas que comezan coa de avaliación de coñecementos cun cuestionario de 50 preguntas tipo test e, no caso de non estaren exentos, da de avaliación do coñecemento de lingua galega. A terceira proba é de aptitude física con exercicios de potencia de tren inferior con salto e vertical, e de resistencia, cunha carreira de 1.000 metros lisos.

As persoas aspirantes que aproben e as incluídas na listaxe de reserva deberán superar, posteriormente, un curso de formación teórico-práctica na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) como requisito indispensable para seren contratadas como auxiliares de policía local.

Os 32 concellos que convocan as 127 prazas son A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Illa de Arousa, Baiona, Cambados, Cangas, Gondomar, Marín, Meaño, Moaña, O Grove, O Rosal, Poio, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra; A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Arteixo, Bergondo, Boiro, Camariñas, Carballo, Cedeira, Malpica de Bergantiños, Melide, Miño, Noia e Ponteceso, na provincia da Coruña; así como os concellos ourensáns de Barbadás e O Barco de Valdeorras, e Mondoñedo, en Lugo.

A Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos da Policía local, a través dunconveniode colaboración. Na actualidade, 92 concellos teñen acordos vixentes para delegar no Goberno galego, a través da Agasp, a selección e formación dos membros do seu cadro de persoal da Policía local mediante as convocatorias de procesos selectivos. Supón máis do 72 % dos 127 municipios con corpo de Policía local.

As oposicións convocadas pola Agasp no período 2018-2023 permitiron cubrir máis de 1.400 prazas en distintos municipios: 726 de auxiliares de policía local, 607 da categoría de policía, 57 de oficial, 15 de inspector, 2 de inspector principal e 2 de vixiantes. A Agasp é o centro de referencia na formación das distintas promocións da Policía local e das categorías de mandos. Actualmente coinciden na academia máis dun cento de alumnos que integran a décimo sexta promoción da Policía local e que realizarán a súa formación ata outubro, e outros 16 aspirantes a prazas de procesos de oficial, inspector, inspector principal e vixiante municipal, que rematan os cursos este mes. As persoas aspirantes que superen a oposición de auxiliar de policía local tamén realizarán a súa formación na academia. A Academia Galega de Seguridade Pública encárgase da formación das forzas e dos corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións da Policía local,ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas. Desde a súa posta en funcionamento en 1993, formou arredor de 170.000 persoas.

Artigos relacionados

Back to top button