ConcellosManzanedaÚltima hora

O Castiñeiro de Pombariños (Manzaneda), un dos máis antigos da península

Así o destacaba a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, na visita ao Souto de Rozabales, do que forma parte esta árbore

 

A Xunta de Galicia seguirá dando pasos este ano para poñer en valor a importancia e a riqueza desde o punto de vista medioambiental do monumento natural Souto de Rozabales, localizado na parroquia de San Martiño de Arriba, no concello de Manzaneda, e considerado unha mostra exemplar dos bosques de castiñeiros centenarios. Así o destacou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen visitou o souto acompañada pola xefa territorial de Medio Ambiente, Victoria Núñez, e polo alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, en vésperas de que se cumpran 23 anos da súa declaración oficial como Monumento Natural.

Co fin precisamente de contribuír a dar a coñecer os valores do souto de Rozabales, do Campo explicou que a Consellería ten previsto realizar este ano varias intervencións na zona, entre as que destacou a renovación da sinalización existente e os traballos de mantemento e mellora previstos no mobiliario.

Así mesmo, a directora xeral tamén explicou que, como todos os anos, o departamento autonómico realizará labores de roza sobre as 1,8 hectáreas que abrangue en total o monumento natural e de tratamento fitosanitario no souto.

 

 

Tras lembrar que Rozabales é un dos 8 monumentos naturais existentes en Galicia, incidiu na importancia desta figura, concibida para amparar lugares que posúen algún tipo de valor —xeolóxico ou paisaxístico, entre outros— e que require por este motivo unha protección especial.

No caso do souto de Manzaneda, Belén do Campo salientou en particular o caso do castiñeiro de Pombariños, árbore senlleira cun perímetro de 12,15 metros e que destaca por ser un dos máis antigos da súa especie na Península Ibérica.

Así mesmo, a directora xeral aproveitou a súa visita para achegarse tamén ata o Pazo da Pena, onde está localizado outro exemplar de grande singularidade: o rebolo da Pena, do que subliñou que se trata dunha das árbores senlleiras máis antigas de Galicia xa que foi declarada en 2007, ano de creación do catálogo concibido para albergar aquelas formacións e árbores que destacan polo seu porte, dimensións, historia ou outro tipo de características singulares.

Neste sentido, a directora xeral indicou que os propietarios do rebolo recibiron o ano pasado unha axuda por parte da Xunta por importe de 4.500 euros e destinada a financiar actuacións de conservación, protección e mellora que contribúan a manter tanto o exemplar como a súa contorna en óptimas condicións.

Artigos relacionados

Back to top button