EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

O comercio local vencellado á moda é un dos sectores máis afectados pola crise do coronavirus

Os autónomos amósanse preocupados polo futuro, recoñecendo que moitos dos negocios non volverán abrir despois do confinamento

Un comercio de moda no Barco de Valdeorras. /Foto cedida.

 

A pandemia do coronavirus, co decreto do estado de alarma e o confinamento que se prolonga no tempo máis alá dun mes, vai marcar un antes e un despois na vida das persoas. Non só estamos vivindo unha crise sanitaria a nivel mundial, senón tamén social e por suposto económica, sen precedentes, que afecta todos os sectores.

Un dos máis afectados é o comercio, e especialmente preocupante é a situación e o futuro dos pequenos establecementos vencellado á moda, o comercio local con autónomos á fronte, que vive momentos de incertidume, sen saber se será capaz de superalo.

 

Xocas Miranda. /Foto cedida.

 

“Vivimos unha situación moi delicada da que a maioría do pequeno comercio non sairá”, asegura taxante Xocas Miranda, que vén de superar o coronavirus pero é pesimista co respecto ao negocio de moda. “Estamos falando de comercios nos que temos a compra de material feita para vender por tempada. O meu semestre é de maio a setembro (tempada primavera/verán) e cando se decretou o estado de alarma eu xa tiña toda a roupa mercada, que teño que pagar; e por riba non apreciei reducción algunha do gasto, salvo polas dúas empregadas que tiña porque estou acollido ao ERTE pero aínda non lle pagaron (nin a elas nin a min porque eu estou de baixa) e calculo unhas perdas de en torno ao 40%, sempre e cando empecemos a partir da metade de maio que son os meus cálculos para intentar salvar a situación. Se non facturo un 50% do que facturei o ano pasado chegado agosto as miñas perdas serán do 100%”, asegura, recoñecendo que das axudas prometidas, non hai ningunha “e xa pagamos autónomos, os impostos tamén, seguimos tendo os mesmos gastos de luz, teléfono, banca, crédito, circulante,… É inasumible”.

 

Pamen Cruz. /Foto cedida.

 

O mesmo opina a representante do comercio de Aeva, Pamen Cruz, quen asegura que a xente “está desesperada”, sen entender por que teñen que pagar autónomos se non os deixan traballar. “Vale que non teñamos axudas pero que non nos quiten. Entendo que haxa que pagar o trimestral porque de tres traballamos dous meses e medio, pero ter que seguir pagando autónomos non. Pagamos o mes pasado, imos ter que pagar este e ata maio non imos poder traballar, aínda que era visto, os primeiros en pechar seremos os últimos en arrancar e iso é completamente lóxico porque non ten sentido empezar antes se non vai haber xente”, asegura.

Aos comercios, o confinamento pillounos no peor momento porque a mercadoría chégalles a primeiros de ano e todo son pagos. “Temos os negocios pechados e cheos”, di Pamen, recoñecendo que en xeral as casas comerciais pórtanse bastante ben pero non é suficiente, porque teñen que seguir pagando todos os servizos e taxas, sen ingresos, ao que hai que engadir o problema de Internet. “Pides e en dous días telo en casa e eu teño esa mercadoría no comercio e non podo vendela. É penoso ver o Barco así, coas tendas todas pechadas. A situación é tremenda e penso que moitos negocios xa non van abrir”. E todo, sen esquecer o principal, o apartado sanitario ante o cal todos teñen medo. “Levo catro semanas sen ver ás miñas netas e o perigo está aí porque os datos son preocupantes”, di Pamen.

 

Pilar Rodríguez de O Prenda. /Foto cedida.

 

A saúde é tamén o que máis preocupa a Pilar Rodríguez de O Prenda. “Agora mesmo estou pensando no día a día e moito máis na saúde que noutra cousa.  Estou coa miña nai que é unha persoa de risco e esperando que saiamos todos desta co menor número de baixas posible”. Con todo, non pode evitar estar preocupada. “A tenda está pechada dende o día 13 de marzo e estou aproveitando para facer a páxina web. Antes vendía a través do Facebook pero está todo paralizado, porque creo que non é o momento. Como se vai poñer a mercar roupa a xente se non pode saír de casa? Sendo sinceiros e realistas, se non a vas lucir non a mercas”, di, asegurando que malia todo é optimista e pensa que se isto non dura moito máis e nunha data como maio poden comezar a abrir as tendas, “poderase salvar bastante a tempada. Sempre e cando teñamos a solidariedade da xente, creo que o pequeno comercio pódese salvar. Non sei se pechará algún pero confío en que se non dura demasiado e a xente merca no pequeno comercio, podemos salvarnos”.

 

Charo López. /Foto cedida.

 

Algo menos optimista é Charo López, membro da executiva da Federación de Comercio, quen explica que o estado de alarma e o confinamento pillounos en plena campaña previa ás vodas, comuñóns, Semana Santa,… e a situación do sector “é terrorífica” aínda que depende da situación particular de cada un. “A mercadoría vén xa en febreiro, en marzo comezas a vender e en abril-maio tes que telo pago e despois de mes e medio pechado, non se dá, é imposible”, di coa esperanza de que unha vez que pase isto a “xente si quererá mercar roupa e seguirá celebrando eventos…”. Outra boa nova segundo Charo López é que os bancos “poderán deixarnos créditos a devolver en seis meses sen intereses. Esa parte tamén é boa. É unha esperanza para os autónomos. Se nos dan ese crédito, porque aínda non está aprobado, podemos saír”, conclúe.

Como di Pamen, os comercios foron os primeiros en pechar, antes incluso de ser decretado o estado de alarma (o 13 de marzo) e serán dos últimos en poder abrir. De momento e trala última prórroga, non será ante do 26 de abril.

Artigos relacionados

Back to top button