EconomíaEconomíaÚltima hora

O deseñador Roberto Verino recibe a Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia

O acto, que precedeu á cea do XXXI aniversario da entidade, celebrábase no salón de actos da súa sede, en Vigo

 

“De Roberto Verino salta á vista o seu orgullo de pertenza, o seu orgullo de neno de pobo, que pasea polo mundo presumindo dun alcume que converteu en apelido para facer universal a súa localidade de orixe, Verín. E, con iso, o nome de Galicia”. Así o asegurou o presidente do Círculo de Empresarios de Galicia, Manuel Rodríguez, na descrición que fixo do deseñador ourensán, previa á entrega da Medalla de Ouro do Círculo.

Máis de 150 persoas encheron esta noite o salón de actos do Círculo para asistir á entrega da Medalla de Ouro, concedida pola xunta directiva da organización empresarial, e imposta polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Este acto institucional precedeu á tradicional cea de aniversario do Círculo, que cumpre 31 anos.

Manuel Rodríguez definiu a Roberto Verino como “un precursor” e “gran visionario, coa visión estratéxica dos grandes empresarios”, e neste sentido aludiu aos criterios de sustentabilidade que primaron na actividade do deseñador ourensán desde os seus inicios. Criterios de sustentabilidade que “poden resumirse no que el chama ‘armarios emocionais’, que transgreden o tempo; na súa apoloxía polo liño e por tecidos naturais, ou no alugueiro de roupa”. E, sobre todo, por “esa aposta polo rural desde fai máis de corenta anos, loitando xa entón sen sabelo contra a España baleirada”.

 

 

O presidente do Círculo lembrou que, o mesmo día que chegou a París en 1962 para estudar Belas Artes, Verino tomou a decisión de facer todo o posible “para evitar que persoas da súa contorna máis próxima tivesen que marchar”. A estancia do ourensán en París coincidiu coas convulsións sociais da década, á vez que tivo a oportunidade de estar preto dos grandes mestres franceses no momento en que deron o salto da alta costura ao pret-à-porter.

O encargo da firma gala Billy Bonny de poñer en marcha a produción da marca en España levouno a regresar á súa terra en 1969, onde atopou o apoio da súa familia para o proxecto, “non sen dificultades, entre elas a carencia de comunicacións fluídas co centro do país”, en palabras de Rodríguez. En 1982 desvinculouse da firma e lanzou a súa primeira colección, para posteriormente abrir tenda en París, desfilar en Madrid e na capital francesa, e abanderar con Adolfo Domínguez os anos dourados da moda galega.

Os recoñecementos sucedéronse: Agulla de Ouro en 1992, Medalla Castelao en 1996. Vieira de Prata. Medalla de Ouro das Belas Artes. O ano pasado ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes. Cun equipo de máis de 400 persoas, 180 puntos de venda, tenda en liña, presenza en Portugal e México, Verino quere continuar co seu proceso de expansión, e dispón dun plan estratéxico a corenta anos.

“Convencido de que as coleccións pertencen a quen as viste, defende que a moda non debe ser un gasto senón un investimento”, dixo Rodríguez deste ”viaxeiro impenitente, sempre mozo innovador, tan namorado do seu traballo que case o considera un hobby; se Roberto Verino retírase algunha vez atoparédelo entre os seus viñedos en Monterrei”, onde creou a adega Gargalo en 1996.

Artigos relacionados

Back to top button