CulturaCulturaÚltima hora

O filme Santoalla, no ciclo “Marxes Fílmicas” no Museo Etnolóxico de Ribadavia

O documental que narra a desaparición do holandés Martin Verfondern proxectarase o 10 de xullo
Martin Verfondern nunha imaxe do filme.

Durante dous anos Margo Pool e Martin Verfondern percorreron diferentes lugares do mundo ata que descubrían, case por casualidade, Santoalla (Petín). Subían na súa furgoneta ata o pobo valdeorrés e tras pasar alí unha noite decidían que aquel sería o seu fogar. Con ilusión e moito traballo, esta parella de holandeses poñía en marcha un proxecto persoal ligado á agricultura e á recuperación deste pobo no que tan só vivía outra familia.

Así comeza Santoalla o filme que conta a través da voz da súa viúva, a desaparición e morte de Martín Verfondern. Esta longametraxe, cuxa rodaxe se realizaba entre 2013 e 2016, vai amosando como a relación entre os holandeses e os veciños comeza a deteriorarse e acaba coa desaparición de Martin e, posteriormente, o descubrimento dos seus restos nunha pista forestal da Veiga.

O filme dirixido por Stephan Becker e Daniel Meher contou coa xornalista valdeorresa Cristina de la Torre na produción en Galicia e despois de proxectarse en festivais salas de toda Galicia, chega ao patio do Museo Etnolóxico de Ribadavia da man do Cinceclube Padre Feijóo e do propio museo.

A sétima edición do ciclo “Marxes Fílmicas” arranca hoxe, 3 de xullo, con “Unha ollada ao redor (de nós mesmos)” como fío condutor, co palmarés do último Festival Internacional de Curtas de Bueu (proxeccións hoxe e mañá) e outros filmes con amplo percorrido en certames internacionais.

Santoalla proxectarase o martes 10 de xullo e Destinos de Stephan Komandarev o xoves día 12. As proxeccións serán de balde, ás 21:30h. Se o tempo non o permite serán no salón de actos do Museo.

 

Cartel do ciclo de cine.

Artigos relacionados

Back to top button