CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O IES Lauro Olmo do Barco incorpórase ao programa “Club de Letras”

A temática principal deste curso xira en torno ao coidado persoal e a atención ás persoas en situación de vulneabilidade

 

Un total de 56 centros escolares, sete deles pola provincia de Ourense, entre os que está o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, incorpóranse este ano ao programa Club de Letras, unha iniciativa implantada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade co obxectivo de “mellorar as competencias lingüísticas, tanto orais como escritas, do alumnado a través de distintas actividades que fomenten o debate, a reflexión e a lectura crítica”.

O investimento total para esta convocatoria é de 100.000 euros e cada un dos centros recibirá unha achega económica de 1.000 euros para a posta en marcha do programa. Ademais do Lauro Olmo, tamén se incorporan o CEIP Manuel Sueiro, IES 12 de Outubro e o IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense; o CEIP de Sarreaus; o IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia; e o CEIP Padre Crespo de Xunqueira de Ambía.

O club está formado por alumnado e profesorado e será coordinado por unha das persoas docentes participantes. As actividades que os centros deseñen no marco do Club de Letras desenvolveranse fóra do horario lectivo e o tempo dedicado a esta actividade deberá chegar a, polo menos, unha media de catro horas ao mes desde que se inicia o proxecto ata que finaliza o período lectivo do curso.

Este curso a temática xira en torno ao coidado, abordado desde unha perspectiva de responsabilidade e corresponsabilidade nas tarefas e nos labores necesarios para a atención das persoas que están a padecer unha situación de vulnerabilidade causada pola enfermidade, pola pobreza, pola soidade, pola dor, pola violencia de xénero, pola LGTBIfobia ou outras circunstancias. Os proxectos realizados sobre este tema poderán abordarse desde un punto de vista literario, artístico, filosófico ou histórico; e poderán centrar o seu foco de interese na actualidade, en anteriores etapas da historia ou conxugando ambos os dous enfoques.

 

Artigos relacionados

Back to top button