SanidadeÚltima hora

O PAC do Barco contará cunha sala renovada de raios X

Será un dos seis centros da provincia de Ourense que verá mellorados os seus equipos de radioloxía

Na imaxe, un equipo similar ao que se instalará no PAC do Barco./ Cedida.

 

Máis de cinco millóns de euros investiranse en ampliar e mellorar os equipos de radioloxía de atención primaria coa adquisición de novas salas de raios X dixitais para 29 centros de atención primaria que atenden a máis dun millón de galegos das que seis delas corresponderán a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Os centros ourensáns que contarán con salas renovadas serán os Centros de Saúde de Ribadavia, Xinzo de Limia e O Carballiño ademais dos PACs de O Barco, Verín e Ourense o que suporá un investimento total de preto de un millón de euros na Área Sanitaria ourensá.

“Con esta medida, a Xunta reforza a súa aposta por unha atención primaria máis resolutiva, e iso pasa por ter unha maior capacidade diagnóstica para facer unha mellor prevención da enfermidade e acadar diagnósticos precoces que eviten complicacións posteriores nos pacientes; e, ademais, supón levar a cabo un mellor seguimento dos pacientes crónicos e pluripatolóxicos, cada vez máis abundantes en Galicia, e que requiren dunha atención específica polo conxunto do equipo de atención primaria”, segundo sinala o Sergas.

Estes expedientes de equipos de radioloxía son os primeiros dunha serie de contratos cos que o Sergas pretende dotar á totalidade de centros de saúde galegos de novos equipos diagnósticos que melloren a súa capacidade resolutiva.

Polo tanto o contrato de adquisición das novas salas para Ourense implicará renovar tres salas dun detector nos centros de saúde de Ribadavia, Xinzo de Limia, O Carballiño, substituir equipos dun detector por dous no PAC do Barco de Valdeorras e no PAC de Verín. e renovar, así mesmo, unha sala de dous detectores no PAC de Ourense.

Tal e como recolle o informe de Sanidade, os expedientes contemplan o requisito de que os equipos de radioloxía estean dotados con tecnoloxía dixital directa que permite a integración total das imaxes diagnósticas e das doses de radiación recibidas polo paciente cos sistemas de información corporativos do Sergas, en particular co sistema IANUS de historia clínica electrónica.

Estes investimentos están financiados polos fondos recibidos do Ministerio de Sanidade a través do Plan de Mellora das Infraestruturas de Atención Primaria (MINAP). Ao respecto remarcar que, a boa situación de Galicia en materia de infraestruturas de atención primaria, cun investimento desde 2009 de máis de 120 millóns de euros para construír ou renovar 110 centros de saúde, e cun Plan de Infraestruturas de Atención Primaria en execución desde 2021, permite á Xunta destinar estes fondos estatais a dotar aos seus centros de novo equipamento diagnóstico.

Máis investimentos nos vindeiros meses

A Consellería de Sanidade ten planificada a tramitación de novos expedientes de contratación nos vindeiros meses para incorporar tamén na rede de atención primaria galega. Trátase de Equipos de realización de probas rápidas para analizar no propio centro de atención primaria indicadores como a glucosa en sangue, o osíxeno en sangue ou os electrolitos. novos dispositivos multidiagnóstico (equipos MESI) para dotar a todos os centros de saúde de Galicia de tecnoloxía que vai permitir, a través dunha tablet con distintos complementos, realizar co mesmo aparello distintas probas diagnósticas como electrocardiogramas, medicións de presión arterial ou espirometrías. Tamén dispositivos de monitorización ambulatoria da presión arterial (equipos MAPA) que o paciente leva para casa durante un ou dous días completos da súa vida cotiá e permite diagnosticar a existencia ou a evolución de hipertensión e novos ecógrafos e retinógrafos.

Artigos relacionados

Back to top button