OurenseÚltima hora

O papel da muller centra o programa do 87 aniversario da República, en Ourense

Os actos conmemorativos organizados pola asociación de Amigas e Amigos da República celebraranse do 10 ao 15 de abril
Presentación da programación dos actos polo 87 aniversario da proclamación da II República.

Este ano celébrase o 87 aniversario da proclamación da República, e dende a sociación de Amigas e Amigos da República de Ourense queren “reivindicar a tantas persoas que entregaron o seu traballo para erguer a esperanza compartida de construír un novo país”, sen esquecer “o exemplo de dignidade democrática que as urnas da primavera de 1931 expresaron ao derrotar a un réxime apodrecido entre a miseria e explotación á que eran sometidas ás clases traballadoras e a corrupción estrutural na que vivían as elites daquela I Restauración Borbónica”, explican dende o colectivo que este ano cumpre 20 anos.

Para conmemoar a efeméride, organizaron un completo programa de actividades que se celebrará no Liceo, centrado na “importancia da muller da loita e do silenciamento da mesma ao longo deste periodo histórico e que na actualidade segue sendo imprescindible para defender e acadar a igualdade real”.

O programa arranca mañá martes 10 de abril coa charla “Na procura da liberdade e da xustiza: as resistentes antifranquistas” a cargo de Aurora Marco, ensaísta e activista pola Memoria que fixo unha labor de investigación coa que afondou na historia e na posterior visibilización do papel que as mulleres desenvolveron na resistencia antifranquista en Galicia. Ao día seguinte, mércores 11 de abril haberá unha charla-recital “Vivas en nós. Represión e Muller na II República” impartida por Carmen Blanco e Claudio Rodriguez Fer, escritores e profesores da Universidade de Santiago de Compostela, membros fundadores da Asociación pola dignificación das vítimas do fascismo, activistas e militantes comprometidos coa recuperación da Memoria.

Os actos continúan o venres día 13, coa presentación do libro El médico que no quería morir (Vida y muerte de Lodario Gavela Yáñez) que recolle a historia da vida comprometida dun médico fusilado no 1947 e lembrado como símbolo da loita pola libertade dun home que tivo loitou no frente republicano en Asturias e posteriormente foi obrigado a loitar dentro do bando nacional. O acto contará coa presenza do autor e investigador, Alejandro Álvarez López. Ese mesmo día pola noite terá lugar a Cea Republicana e o domingo 15 de abril celebrarase coma todos os anos, ás 12h. a homenaxe no cemiterio de San Francisco ás “republicanas e republicanos represaliados”.

Artigos relacionados

Back to top button