ConcellosO BarcoÚltima hora

O persoal de limpeza e recollida de lixo do Barco pide que se lles aplique o convenio desta actividade

Explican que o convenio que teñen agora é o de limpeza de edificios e portais e adiantan que irán á folga a finais de xaneiro se a empresa e o Concello non atenden as súas peticións

 

Os traballadores do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo do Barco están valorando convocar unha folga para finais deste mes de xaneiro. O motivo é que nin a empresa adxudicataria do servizo, FCC, nin o Concello do Barco escoita nin atende as súas demandas relativas, principalmente, á necesidade de que se lles aplique o convenio colectivo correspondente á actividade que realizan. “Temos un convenio colectivo cadudado, que é de limpeza de edificios e portais, cando debería ser de recollida de lixo. Isto non ten sentido ningún, non o entendemos, pedimos explicacións á empresa e ao Concello e non nolas dan. Levamos con ese convenio caducado dous anos e queremos cambialo e que se nos aplique o que nos corresponde pola actividade que facemos”, asegura o representante dos traballadores.

Tamén explican que mantiveron conversas sobre este tema co alcalde do Barco, Alfredo García, en agosto e que lles pediu que agardasen ata setembro ou primeiros de outubro. “Así o fixemos, despois solicitamos novamente reunións con el, pero xa non recibimos resposta”.

O feito de que se lles aplique o convenio de limpeza de edificios e portais ten diversas consecuencias: en salarios, nas cotizacións á seguridade social, que son maiores no caso do convenio de lixo. “Nós temos convenios de lixo de Monforte e de Ourense e nesas táboas salariais hai moitas diferenzas con respecto ás nosas, que poden ir de 300 a 400 euros”, di o representante dos traballadores.

Tamén están afectados nos temas das categorías do posto de traballo, posto que no convenio de edificios e portais non existen mecánicos, nin chóferes, explica o representante sindical, que así mesmo destaca que “as últimas subidas do IPC non están reflexadas nas nóminas e tampouco a nocturnidade se ve reflexada, xa que tería que cobrarse un 25% máis por traballar de noite”.

Así mesmo, o representante dos traballadores amosa o seu malestar “polo estado da maquinaria que é vella e está deteriorada, tamén os contedores subterráneos están en malas condicións, xa houbo problemas xa que poden caer de golpe, e nos de vidro e nos de cartón a seguridade non sobe”.

Ante as circunstancias, e “como nin por parte da empresa nin por parte do Concello hai apoio nestes meses que intentamos negociar, imos convocar unha folga para finais deste mes. Se tiveramos resposta nestes días estaríamos dispostos a falar”. No caso de que finalmente se convoque a folga, piden desculpas “anticipadas á cidadanía polos trastornos que se lle poidan causar, pero temos que dar a coñecer a situación na que estamos e defender os nosos dereitos, non pedimos máis que o que nos corresponde”, sinala o representante dos traballadores.

O alcalde do Barco: “Antes de fin de mes teremos tomada xa unha decisión definitiva a este respecto sobre por onde imos ir coa prestación deste servizo”

Dende o Concello do Barco, o seu alcalde, Alfredo García, explica que “cando nós lle fixemos o contrato á empresa que está agora, de común acordo cos traballadores naquel momento, aplicouse este convenio que supuxo unha mellora salarial con respecto ao que estaban cobrando antes e daquela parecía que todos estabamos de acordo. É certo que agora ese convenio garda pouca relación co servizo de recollida de lixo e de limpeza viaria”, recoñece.

O rexedor tamén di que os representantes dos traballadores falaron con el sobre esta cuestión en agosto “e eu expliqueilles que ía empezar a falar a partir de setembro coa Deputación de Ourense para ver que solución obtiñamos. Estivemos traballando, e eles sábeno, para ver cal podería ser a solución. Nestes momentos, a día de hoxe, non temos aínda a solución definitiva. E eu espero que ao longo deste mes saibamos xa claramente se o servizo o vai prestar a Deputación ou se nos vai botar unha man, que sería a opción b, e vai saír a concurso e, evidentemente aí, valoraríamos con que convenio. Se presta o servizo a Deputación pois sería co seu convenio e, no outro caso, tamén valoremos con eles que convenio se aplica. Non hai nada decidido a día de hoxe, é un tema moi complexo e polo tanto a solución vai ser a longo prazo, nos próximos 10 ou 12 anos e temos que pensala ben. Eu creo que antes de fin de mes teremos tomada xa unha decisión definitiva a este respecto sobre por onde imos ir coa prestación deste servizo”, asegura.

 

Artigos relacionados

Back to top button