EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

O pregón de Sara Fernández na “Pequena” abre a XXV edición da Festa das Covas de Vilamartín

Esta celebración previa está especialmente adicada aos coveiros

 

Mañá, Vilamartín celebrara o 25 aniversario da Festa das Covas, unha multitudinaria celebración en torno ao viño que na tarde deste venres quentaba motores na zona de Cerdeirais. Alí, pasadas as oito e media da tarde, a docente vilamartinesa Sara Fernández abría co seu pregón a chamada “Pequena”, ruta pensada para que poidan desfrutar os coveiros, verdadeiros artífices da festa.

Coma sempre era o presidente da Asociación de Coveiros de Vilamartín, Manuel Ferrer, o encargado de presentar á pregoeira, destacando o feito de que por segunda vez é unha muller (o ano pasado foi Silvia Rodríguez), a que dá o pistoletazo de saída á festa, centrando a súa intervención “no que significa esta celebración das covas para o pobo e as covas como festa porque de viño non sei”.

 

Sara Fernández durante o pregón.

 

Comezou lembrando como ía buscar ao seu avó á cova, un deses recordos “que forman parte da memoria colectiva que moitos compartimos, sendo as covas os lugares aos que ían os nosos maiores coa excusa de buscar viño cando en realidade era un refuxio espiritual e espirituso”, dixo, destacando que era alí onde contaban como lles fora o día e calquera problema que poideran ter. Ao longo do seu descurso, Sara recoñeceu terse sentido moi querida e arroupada pola xente nos días previos ao pregón e incluso ter aprendido cousas que non sabía, como que a xuventude alá polos anos 80 remataba a saída das festas nas covas. “Na miña xuventude, xa nos 90 era ao revés, antes de ir aos bares empezabamos a festa nas covas”, dixo, nomeando coma quen non quere a cousa, a algunhas das amigas coas que saía.

 

 

Sempre cun ton divertido e ante un público animado e entregado, a pregoeira foi contando anécdotas, mesturando a historia das propias covas co seu traballo como docente e investigadora, facendo divertidas comparativas e dando as grazas ás mulleres. Destacou o momento en que “as covas pasaron de ter significado a darlle significado a Vilamartín”. Como broche a un pregón sinxelo pero cargado de sentimento e notas de humor, Sara fixo un chamamento á xente en xeral para manter non só as covas con todo o que elo implica senón a festa que este ano cumpre as vodas de prata, “unha boa forma de poñer a Vilamartín de Valdeorras no mapa”.

 

 

E tras o pregón, fortemente aplaudido polos asistentes, a Asociación de Coveiros de Vilamartín rendía homenaxe a dous coveiros que recibían cadanseu ramos de flores e placa, igual que a pregoeira, de mans de diferentes membros da asociación.

De seguido e xa ao ritmo de dos Parrandas e Amencer, comezaba a ruta polas covas desta parte de Vilamartín. Mañá, serán os coveiros os que se encarguen de abrir o resto espallado por toda a localidade para recibir a multitude de persoas, boa parte delas chegadas dende fóra da comarca e mesmo dende fóra de Galicia.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button