PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE vianés anuncia que non entrará no goberno municipal

“Ao non acadar acordo algún, estaremos na oposición loitando polos veciños de Viana do Bolo”, segundo sinala a agrupación socialista vianesa

A Agrupación do PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de anunciar a través dun comunicado de prensa que, despois de dous meses de negociacións, non ten sido posible chegar a un acordo co BNG, cuxo candidato asumía a alcaldía de Viana en xuño.

“Unha vez coñecidos os resultados das eleccións municipais e cunha votación interna moi axustada dos militantes, ante a inexistencia dun acordo previo, a agrupación decidiu apoiar, a cambio de nada , o nomeamento dun alcalde do BNG”, lembran no comunicado.

“A partir de aí a agrupación e os concelleiros socialistas electos abordamos unhas longas negociacións co BNG, coa esperanza de chegar a colaborar no goberno da Alcaldía, e poder acadar o noso programa de futuro para Viana. Nestas negociacións propúxolle ao BNG as condicións seguintes: o grupo do BNG por acadar un maior número de votos, ostentaría a Alcaldía e o PSdeG a Tenencia de Alcaldía e de forma única; existiría unha dedicación exclusiva ós traballos de goberno por cada un dos partidos, xestionándoo cada partido ó seu criterio”, explican.

En canto ao organigrama de reparto das concellerías, os socialistas plantexaban que “Obras-Urbanismo,Deportes-Educación e Servizos Sociais fose para o BNG e Cultura- Festexos e Medio Rural para o PSdeG-PSOE”. E ademais plantexaban que o “montante das inversións do Concello de Viana, se repartise proporcionalmente ó número de votos acadados, de xeito que o BNG disporá do 55% das inversión e o PSdeG do 45% restante”.

Tras diversas reunións, dende a Agrupación Socialista de Viana do Bolo din que “o acordo foi imposible, xa que o BNG empezou a reducir atribucións na área de Cultura e a querer proporcionar un orzamento irrisorio para Medio Rural. Igualmente non se chegou a ningún acordo coas dedicacións”. Ademais os socialistan aseguran que o “BNG non está dacordo co Convenio acadado coa Deputación pola estrada de Santo Agostiño, nin con adicar a cantidade estipulada para o seu arranxo”. Ante isto, conclúen “ao non acadar acordo algún, estaremos na oposición loitando polos veciños de Viana do Bolo”.

Artigos relacionados

Back to top button