ConcellosÚltima hora

O sacerdote Ángel Sánchez anuncia que recorrerá o decreto do Tribunal da Rota que lle prohibe o contacto con menores de 18 anos

O Bispado de Astorga comunicaba nesta semana a fin do proceso administrativo penal que conclúe que os feitos imputados de abusos sexuais "se consideran certos"

 

A Diócese de Astorga facía público esta semana o resultado das súas investigacións sobre as denuncias de abusos sexuais recibidas con relación ao sacerdote Ángel Sánchez Cao (quen fora párroco de Veigamuíños, entre outras parroquias barquenses). Así o bispado indicaba que, “unha vez concluída a investigación, enviáronse os seus resultados á Congregación para a Doutrina da Fe que, tras o estudo do caso, levantou a prescrición dos delitos e, por establecelo así o Código de Dereito Canónico, iniciouse un proceso administrativo penal cuxa instrución se delegou ao Tribunal da Rota da Nunciatura Apostólica. O proceso concluíu considerándose os feitos imputados certos”.

Neste senso, o Tribunal da Rota condea ao denunciado á “prohibición de exercer cargos que impliquen o contacto esporádico ou habitual con menores de 18 anos ata o cumprimento dos 80 anos”, e á “revogación polo mesmo tempo da facultade de oír habitualmente confesións, segundo o c. 974 par. 1, salvo nos casos previstos no c. 976”.

Ademais o Bispado de Astorga di nun comunicado emitido que “esta Igrexa particular lamenta profundamente estes feitos e reitera a súa petición de perdón polo grave dano causado ás vítimas no seu desenvolvemento humano e cristián. Ao mesmo tempo mostra o seu respecto e acatamento das resolucións canónicas, reitera o seu compromiso de apoio ás vítimas dentro do marco normativo establecido, e afiánzase no seu propósito de seguir traballando activamente para que os espazos eclesiais sexan lugares seguros”.

Tras coñecer o resultado deste procedemento, o sacerdote Ángel Sánchez Cao emitía un comunicado de prensa no que aseguraba, entre outras cuestións, que “o decreto (que lle foi comunicado o 21 de decembro) non é unha sentenza, senón unha decisión tomada nun proceso administrativo. O decreto non contén ningún feito sobre “abusos sexuais”, que máis ben os descarta. O decreto é un compendio de imprecisións e incoherencias que ofrece serias dúbidas para establecer coa debida certeza moral a existencia dos feitos considerados delictivos”.

O sacerdote tamén apunta que “no uso do meu dereito solicitei a revocación do decreto e anunciei recurso contra o mesmo. Reiteiro, unha vez máis, a miña total e absoluta inocencia sobre os feitos investigados”. Por outra banda, Ángel Sánchez Cao agradece “enormente a confianza, a cercanía e o apoio manifestado en todo momento polos amigos, os sacerdotes, os feligreses das miñas parroquias e doutras parroquias, os axentes pastorais (catequistas, coros, asociacións…), pais e nais, nenos e mozos, veciños, etc.”.

Artigos relacionados

Back to top button